A alcaldesa e concelleira de Igualdade, Marta Rouco, convida a todos os veciños e veciñas a ver o vídeo que se elaborou para reflexionar sobre a visión social da violencia sexual
O Concello elaborou un vídeo baixo o lema ‘Muda o foco’ no cal se reproducen conversas habituais nos casos de violencia contra a muller, pois é recorrente que se cuestione ás vítimas en lugar de as persoas que exercen a agresión.
Nesa liña, a través dun vídeo no que persoas coñecidas da vila reproducen situacións habituais que se dan cada vez que un caso de violencia contra a muller salta á palestra, o Concello busca que os veciños e veciñas de Vilalba reflexionen sobre a visión social da violencia sexual.
«É fundamental que como sociedade mudemos o foco e non permitamos que se siga cuestionando ás vítimas en lugar de aos agresores» asegurou a alcaldesa e concelleira de Igualdade, Marta Rouco.
Ademais desta acción a través das redes sociais, o Concello promove unha ampla programación de actividades vinculadas ao 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, entre as que se atopan obradoiros nos centros educativos, charlas, conta contos e unha acción de rúa que terá lugar hoxe, luns 25 de novembro, de 10 a 13 na Praza da Constitución.
Durante a xornada, na que dende o Concello animan a participar a todos os veciños e veciñas, colocarase un tendal no templete da Praza da Constitución no que as mulleres poderán pendurar aquelas violencias que teñan vivido ou presenciado polo feito de ser mulleres. Desta forma, dende a Concellería de Igualdade pretenden crear un espazo para facer visibles os diferentes tipos de violencia contra as mulleres.
Ligazón ao vídeo de YouTube: https://www.youtube.com/watch?v=s2tWHbPVlFs.