O CONCELLO ACENDERÁ AS LUCES DE NADAL O VINDEIRO SÁBADO 30 DE NOVEMBRO

O acto comezará co concerto de Iria Estévez e serán as xogadoras do equipo sénior feminino do Vilalba FS as encargadas de prender o alumeado de Nadal

A alcaldesa, Marta Rouco, acompañada polos concelleiros Ignacio Criado e Paula Vigo, presentaron na mañá de hoxe o evento co que o Concello de Vilalba celebrará o acendido das luces de Nadal o vindeiro sábado, 30 de novembro.

Unha xornada que comezará ás 19:00 horas na Praza da Constitución, fronte á Casa do Concello, co concerto da cantante galega de fado e músicas de raíz, Iria Estévez, quen ofrecerá un repertorio de cancións con temática de Nadal.

Deseguido, ás 20:00 horas, as xogadoras do equipo sénior feminino do Vilalba FS, recentemente ascendido a Segunda División Nacional e galardoado como mellor equipo do ano nos XVIII Premios El Progreso ao Deporte Lucense, serán as encargadas de prender o alumeado de Nadal.

“Cremos que é unha oportunidade perfecta para amosar o noso orgullo e admiración ás xogadoras do Vilalba FS, polos éxitos acadados este ano pero tamén pola gran labor que fan cada día para visibilizar e poñer en valor o fútbol feminino”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco.

Ademais, o Concello tamén terá preparados agasallos para os nenos e nenas asistentes. “Dende o Concello queremos convidar a todos os vilalbeses e vilalbesas a que nos acompañen no acendido de luces, pois ademais poderán gozar da fantástica voz de Iria Estévez, quen xa ofreceu un concerto na nosa vila o pasado mes de abril”, sinalou a rexedora, Marta Rouco.

Ademais, Rouco explicou que “en caso de choiva montaremos unha infraestrutura para que poidamos resgardarnos e gozar do concerto con comodidade, aínda que esperamos que a meteoroloxía nos acompañe e a maxia do Nadal se apodere das nosas rúas”.