O proxecto, que pretende mellorar a visibilidade da sinalización horizontal e a seguridade dos peóns, inclúe o repintado de 18 rúas
A Concellería de Infraestruturas Urbanas vén de dar conta dun novo proxecto de repintado e mellora da sinalización horizontal en máis dunha quincena de rúas do casco urbano vilalbés, no que se inclúe o cebreado dos pasos de peóns e o repintado da sinalización horizontal para mellorar a súa visibilidade, así como a seguridade dos peóns e demais usuarios da vía.
Xunto á alcaldesa, Marta Rouco, o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, supervisou na mañá de onte os traballos de cebreado que se estaban a realizar na rúa Campo de Puente e que se suman á trintena de pasos de peóns que se repintaron e se prevé acondicionar nos vindeiros días.
Nesa liña, o Concello inclúe no seu proxecto de mellora da sinalización horizontal, o cebreado da Rúa Cuart de Poblet, a Rúa de Abadín, a Rúa Ribadeo, a Rúa Benxamín Paz, a Rúa Mestras Amelia e Sagrario, a Avenida da Terra Chá, a Rúa Campo de Puente, a Rúa Novo Cazón, a Rúa Luis González Valdesuso, a Rúa Cidade de Viveiro, a Rúa Doutor Domingo Goás, a Rúa Castelao e a Rúa Lois Peña Novo.
Unha lista á que se suma o repintado de líneas, frechas e pasos de peóns no Camiño Campo Redondo, o Camiño das Rodas, a Rúa Guitiriz, a Rúa da Emigración e a rotonda recentemente instalada nun dos cruces do Polígono Sete Pontes no que se tiñan rexistrado importantes incidentes debido ao volume do tráfico e á perigosidade da intersección.
En definitiva, «un conxunto de actuacións que responden á necesidade de mellorar a seguridade dos usuarios da vía, xa que as rúas incluídas no proxecto contaban cun importante deterioro na sinalización horizontal, especialmente nos pasos de peóns, o que supoñía un gran risco para os viandantes e os condutores ao non poder localizar con claridade o lugar de paso dos mesmos», sinalou o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández.
ACONDICIONAMENTO DO CASCO URBANO
Estas actuacións responden a un proxecto global de acondicionamento e mellora das rúas do casco urbano, no que se encadran obras recentes como a rexeneración do firme e o repintado da Avenida de Cospeito, a rexeneración completa das rúas da contorna da Praza da Constitución e a aplicación de aglomerado en quente na rúa Conde Pallares.
«A mellora dos servizos que se prestan aos veciños tamén inclúe, por suposto, a mellora das infraestruturas que empregamos a diario, as cales é fundamental manter no mellor estado posible pola seguridade e a comodidade de todos e todas», asegurou a alcaldesa, Marta Rouco.