A alcaldesa, Marta Rouco, asistiu o pasado venres ao acto de entrega da quinta edición dos Premios á Excelencia de Turismo e Gastronomía da provincia de Lugo, nos cales a Feira do Capón resultou galardoada logo do fallo do emitido polo Consello Provincial de Turismo.
Concretamente, a nosa Feira do Capón foi galardoada na categoría «…E para comer, Lugo» á gastronomía lucense pola súa antigüidade, singularidade, arraigamento e valor cultural. O capón de Vilalba ten unha longa historia, do cal temos referencias bibliográficas que nos falan da existencia de capóns na zona desde o ano 1521.
Ademais, destaca por ser a única feira en Galicia destas características, sendo a máis arraigada no tempo, e conta cun elevado número de criadores de capóns na zona, e consumidores fieis a un produto de alta calidade, mantendo ano tras ano unha feira tradicional.
Na súa intervención, a rexedora agradeceu aos criadores de capóns polo seu «facer tradicional, o traballo incansable, polas vosas ganas de seguir medrando e, sobre todo, por contribuír cada ano a que a Feira do Capón de Vilalba se sitúe no calendario de citas imprescindibles ás que acudir en Galicia».
Así mesmo, Rouco tamén tivo palabras de agradececemento para «o presidente da Deputación, José Tomé, a actual deputada provincial de Turismo, Pilar García, e a Deputación de Lugo un axente fundamental na progresión da nosa homenaxe ao capón».
Finalmente, a alcaldesa convidou a todos os presentes a que visiten a nosa vila o vindeiro 21 de decembro para gozar dunha das festividades máis importantes do noso concello, extendendo a invitación a todos os vilalbeses e vilalbeses, así como a todo aquel que queira gozar da gastronomía e da cultura vilalbesa.