COMEZAN AS OBRAS DE RENOVACIÓN DO PARQUE DA RÚA DA EMIGRACIÓN

As actuacións, cun orzamento de máis de 50.000 euros, incluirán a instalación dunha corda tirolesa de 25 metros que converterá a este no único parque do casco urbano con este tipo de infraestrutura

A empresa adxudicataria das obras do parque infantil da Rúa da Emigración, no casco urbano vilalbés, comezou no día de hoxe as actuacións para proceder á renovación e acondicionamento do mesmo.

En concreto, as obras incluirán a colocación dunha corda tirolesa de 25 metros de lonxitude, así como a reparación e reinstalación dos xogos existentes, que se complementará co cambio de localización do mobiliario co que conta actualmente o parque infantil.

Pola súa banda, os traballos tamén suporán a demolición e retirada do actual pavimento amortecedor e as soleiras de formigón que conforman a súa base, para logo instalar un novo pavimento de seguridade con acabado de céspede artificial.

Un conxunto de actuacións que «dan resposta ás necesidades demandadas polos nenos e nenas no Consello da Infancia e mellorarán o estado dos xogos infantís e da contorna para dotala de maior seguridade e confort para os usuarios e usuarias», explicou a alcaldesa, Marta Rouco.

Así mesmo, a rexedora tamén salientou «o dinamismo que aportará a colocación da corda tirolesa, sendo este o único parque do noso casco urbano que contará cunha infraestrutura coma esta» e a cal se inclúe nun proxecto de obra que ascende aos 51.112,23 euros de inversión.

En canto ao orzamento, 35.778,56 euros serán achegados en forma de subvención pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e os 15.333,67 euros restantes correrán a cargo das arcas municipais.

Finalmente, no referido ao prazo de execución das obras, a previsión da empresa responsable das mesmas é ter rematadas as actuacións durante o vindeiro mes de setembro, de tal forma que os nenos e nenas poidan aproveitar as melloras realizadas.