O CONCELLO INAUGURARÁ AS PISCINAS EXTERIORES DA MADALENA O VINDEIRO SÁBADO 22 DE XUÑO

A xornada comezará ás 18.00 horas e estará amenizada polo concerto de Carolina Rubirosa Trío

O Concello vén de axendar a inauguración das novas piscinas exteriores da área recreativa da Madalena para o vindeiro sábado, 22 de xuño, cunha xornada aberta a todo o público que estará amenizada polo concerto de Carolina Rubirosa Trío.

Logo da apertura das instalacións, o pasado sábado 15 de xuño, a veciñanza puido gozar de 5 días de portas abertas para coñecer todos os detalles das novas piscinas do municipio vilalbés. Non obstante, as condicións meteorolóxicas impediron que os visitantes aproveitaran a súa visita para darse o seu primeiro baño.

Por ese motivo, a alcaldesa, Marta Rouco anunciou que «as xornadas de portas abertas ampliaranse ata o vindeiro sábado, 22 de xuño, incluído; para que, se a meteoroloxía nos acompaña, os vilalbeses e vilalbesas poidan darse o seu primeiro baño nas piscinas».

Así mesmo, a rexedora quixo «convidar a toda a veciñanza a que se achegue este sábado á inauguración oficial das instalacións, na que ademais contaremos coa marabillosa voz de Carolina Rubirosa, a partir das 18.00 horas».

Pola súa banda, á inauguración tamén estará convidado o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, como representante da institución cuxa aportación económica foi fundamental para sacar adiante este proxecto. Así mesmo, todas as forzas políticas que conforman a corporación municipal estarán tamén convidadas.

HORARIO PISCINAS

Durante o día de hoxe, xoves 20 de xuño, e de mañá, venres 21, permitirase o acceso ás piscinas de forma libre e gratuíta en horario de 12.00 a 20.00. Pola súa banda, o sábado 22, o acceso tamén será gratuíto de 12.00 a 17.00, cando as instalacións terán que pechar para proceder á montaxe e organización do acto de inauguración. Posteriormente, a partir das 18.00, todos e todas estarán convidados a gozar xunto ás piscinas do concerto de Carolina Rubirosa Trío.