O CONCELLO CONTINÚA COS TRABALLOS DE APERTURA E LIMPEZA DE CUNETAS EN VIAIS DA PARROQUIA DE CARBALLIDO

Trátase dunha actuación levada a cabo polo equipo de terra do parque móbil da Deputación de Lugo na pista que une o barrio de Riazó co de Condado, dunha lonxitude aproximada de 1.000 metros

A alcaldesa, Marta Rouco, e os concelleiros, Luis Fernández e Ignacio Criado, achegáronse onte ata a parroquia de Carballido para comprobar a evolución das actuacións levadas a cabo polo equipo de terra do parque móbil da Deputación de Lugo.

Os traballos céntranse actualmente na apertura e limpeza de cunetas da pista que une o barrio de Riazó co de Condado, dunha lonxitude aproximada de 1.000 metros e cuxa necesidade de acondicionamento foi posta de manifesto pola veciñanza.

A rexedora, Marta Rouco, que contrastou coa veciñanza a necesidade das actuacións, sinalou que «son traballos fundamentais para que as pistas non se deterioren durante o inverno, especialmente nunha parroquia coma esta na que durante a época de choivas é habitual que a auga discorra por riba das estradas».

Ademais, a alcaldesa tamén adiantou que «o equipo de terra está previsto que continúe coas súas actuacións na parroquia de Carballido, procedendo á limpeza e apertura de cunetas doutras pistas próximas á que actualmente se atopa en fase de acondicionamento».