A normativa está baseada nun documento elaborado polos servizos técnicos municipais que tamén levaron a cabo a modificación do Regulamento e a Ordenanza Fiscal da Escola Infantil Municipal
Na tarde de hoxe o Salón de Plenos do Concello acollerá a sesión plenaria correspondente ao mes de maio, na que ademais da modificación de varias ordenanzas municipais sobre impostos, tamén se votará a aprobación dunha nova Ordenanza Reguladora das Prestacións Municipais de Emerxencia Social.
Trátase neste caso dun documento elaborado polo persoal dos servizos técnicos municipais do departamento de Servizos Sociais encamiñada a regular as axudas en casos de emerxencia social. Entre os que se inclúen achegas a transeúntes, para compra de alimentación, pagamento de alugueiro ou hipoteca, recibos de luz e gas, e gastos médicos non cubertos polo Servizo Galego de Saúde, entre outros.
Nesta liña, «a ordenanza pretende solucionar as dificultades e reparos de intervención que se presentaban para poder dar axudas en casos de emerxencia social ao non contar no Concello cunha ordenanza municipal específica», explicou a alcaldesa e Concelleira de Servizos Sociais, Marta Rouco, quen ademais sinalou «a importancia de atender estes casos específicos de emerxencia social, de tal forma que se atenda a persoas máis aló daquelas que xa contan con informes técnicos nos Servizos Sociais municipais».
Pola súa banda, o pleno tamén terá que votar a aprobación, se procede, da modificación do Regulamento Municipal de Réxime Interior da Escola Infantil de Vilalba, cuxos cambios irán encamiñados a adaptar os criterios de subvencionalidade ás normas establecidas pola Xunta de Galicia. Así mesmo, o novo regulamento especificará máis detalladamente a resolución que se dará en caso de faltas prolongadas do alumnado e ampliará o prazo de pago de taxas.
Así pois, o departamento de Servizos Sociais do Concello «tamén se viu na obriga de modificar a ordenanza fiscal da Escola Infantil Municipal para poder adaptala aos cambios do Regulamento Interno e polo tanto tamén votaremos esa modificación na sesión plenaria», explicou a rexedora, Marta Rouco.