Trátase dunha actuación solicitada pola Asociación de Empresarios Sete Pontes que a rexedora, Marta Rouco, se comprometera a cumprir e axilizar a súa tramitación
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, propoñerá na sesión plenaria deste xoves, 30 de maio, a modificación das ordenanzas fiscais reguladoras do Imposto sobre Bens inmobles, do Imposto sobre Actividades Económicas e do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras do Concello.
Desta forma, o municipio dá un paso máis para poder adherirse á iniciativa galega de concellos emprendedores, a cal establece a necesidade de modificar e incluír unha serie de bonificacións mediante acordo plenario nas ordenanzas fiscais reguladoras mencionadas con anterioridade.
Nesta liña, a Asociación de Empresarios Sete Pontes manifestou nas reunións mantidas coa rexedora vilalbesa a necesidade de que o Concello cumprira este requisito para poder converterse en concello emprendedor e beneficiarse dos incentivos que supón esa catalogación.
En resposta a esa solicitude, a alcaldesa, Marta Rouco, sinalou que «comprometinme a cumprir e axilizar a tramitación necesaria para converter a Vilalba en Concello Emprendedor e así o fixen, de tal forma que este xoves poderemos votar no pleno a modificación das ordenanzas municipais».
En concreto, o pleno decidirá sobre a bonificación no imposto sobre bens inmobles, o imposto sobre actividades económicas e o imposto sobre construcións, instalacións e obras de ata un 95% a favor de inmobles urbanos nos que se desenvolvan actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorreren circunstancias de fomento do emprego. Establecéndose as seguintes porcentaxes:
Pola súa banda, as bonificacións previstas serán aplicables nos supostos de implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como para aqueloutros que consistan nunha ampliación das instalacións, sempre e cando impliquen creación de emprego.