A oferta inclúe postos de diferentes superficies para venda de produtos de máis de 20 categorías e a adxudicación dos mesmos realizarase mediante sorteo
O Concello vén de facer público o inicio do procedemento aberto de concesión para a adxudicación de tres postos vacantes no Mercado Municipal da Rúa dos Pepes que se realizará mediante procedemento aberto por sorteo e será outorgada por un prazo de dez anos.
Para poder optar á concesión, os interesados deberán presentar as súas proposicións no Rexistro Xeral do Concello ata o vindeiro luns día 10 de xuño, nas que deberán incluír unha declaración responsable, a acreditación da personalidade do licitador e unha oferta técnica na que se especificará a actividade de venda e o posto que se solicita.
«Trátase dunha moi boa nova para o Mercado Municipal porque o aumento de postos poderá incrementar a actividade do mesmo» salientou a alcaldesa, Marta Rouco, quen ademais sinalou a oferta como «unha boa oportunidade para pequenos negocios que poderán contar cun posto de venda no centro da vila no que dar a coñecer a súa oferta de produtos».
En concreto, a oferta inclúe un posto dunha superficie de 13,17 metros cadrados, outro de 17,26 metros cadrados e finalmente un posto de 41,43 metros cadrados nos que se poderá vender, expoñer e depositar produtos alimenticios para o consumo propio de carnicerías, tendas de polos, casquerías, tendas de ovos, peixarías, charcuterías, salgaduras, conxelados, froitos secos, postos de verduras, panadería-bolería, confeitería, encurtidos e herbolarios.
Ademais, tamén se poderá autorizar a venda doutros produtos que satisfagan as necesidades da poboación, entre os que se atopan os de droguería, enxoval, artigos de agasallo, florería, roupa, calzado, marroquinería, marquetería e outros de natureza semellante.
Pola súa banda, os interesados poderán acceder ao prego completo das cláusulas administrativas que rexerán a adxudicación a través do Boletín Oficial Provincial ou do Taboleiro de Anuncios do Concello, onde ademais terán á súa disposición os anexos relativos ao modelo de declaración responsable e modelo de proposición técnica que deberán cumprimentar para a presentación de solicitudes.