O CONCELLO TRABALLA NA REXENERACIÓN DO VIAL QUE UNE O SUMEIRO CO BARRIO DA CARBALLEIRA NA PARROQUIA DE GOIRIZ

As actuacións completaranse, segundo confirmou a alcaldesa, Marta Rouco, ao longo desta semana para logo desprazar a maquinaria á contorna da igrexa parroquial de Goiriz

O Concello vén de informar dos traballos que actualmente está levando a cabo o parque móbil da Deputación de Lugo para rexenerar o firme da estrada que une O Sumeiro co barrio da Carballeira na parroquia de Goiriz.

En concreto, trátase dun vial de 900 metros de lonxitude cuxo estado de deterioro era notablemente salientable, polo que para proceder á súa rexeneración foi necesaria a aplicación de catro capas de rego e catro tipos de áridos de diferentes grosores.

«Deste xeito, cunha actuación máis completa e detallada, aseguramos un maior afianzamento do firme e unha maior duración no tempo dos traballos levados a cabo», sinalou a alcaldesa, Marta Rouco.

Pola súa banda, a rexedora tamén confirmou, durante unha visita para comprobar os avances das obras, que «a previsión é que os traballos se rematen ao longo desta semana, de tal forma que os 900 metros de firme queden totalmente rexenerados e en condicións óptimas e seguras para toda a veciñanza».

Ademais, Rouco adiantou que o equipo de rexeneración de firmes do parque móbil da Deputación de Lugo, do cal dispón o Concello de Vilalba grazas a un acordo logrado dende a Alcaldía, «trasladarase nas vindeiras datas ás inmediacións da igrexa parroquial de Goiriz para proceder ao rebacheo da principal pista de acceso á mesma, que se atopa nunhas condicións moi deficitarias e precisa ser arranxada canto antes debido ao volume de tráfico que soporta a mesma».