A CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN SOBRE USUARIOS VULNERABLES DA DXT CHEGA A VILALBA

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa, Marta Rouco, repartiron 200 chalecos reflectores no Campo da Feira, acompañadas por axentes da Garda Civil, membros do goberno local e representantes da Dirección Xeral de Tráfico

O pasado venres, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, visitou a nosa vila para traer ata Vilalba a a campaña da Dirección Xeral de Tráfico de sensibilización sobre usuarios vulnerables nas estradas convencionais. Xunto coa alcaldesa, Marta Rouco, e o xefe provincial de Tráfico, Alberto González, así como edís do goberno local e membros do subsector de Tráfico da Garda Civil, realizaron un reparto de 200 chalecos reflectores de alta visibilidade entre os veciños e veciñas do municipio.

Isabel Rodríguez lembrou a necesidade de “tomar medidas de autoprotección para ver e ser vistos, un reclamo co que conseguimos pechar o ano 2023 sen contabilizar nin un atropelo mortal, malia que nesta anualidade xa se produciu un, o que evidencia que debemos seguir insistindo e concienciando sobre seguridade viaria”.

Pola súa banda, a rexedora vilalbesa, Marta Rouco agradeceu «a visita da subdelegada para colaborar co noso municipio e traer unha campaña tan importante coma esta á nosa veciñanza», ao tempo que salientou «a importancia de facernos ver nas estradas para asegurar tanto a nosa propia integridade como a seguridade dos demais usuarios da vía, tratándose, pois, dunha responsabilidade compartida da que debemos concienciarnos todos e todas».

No que atinxe á campaña, por unha banda persegue o obxectivo de concienciar a peóns, ciclistas e motoristas sobre a súa propia posición vulnerable, lembrándolles a necesidade de facerse visibles con elementos e pezas reflectantes, usar os sistemas de protección específicos como o casco así como a indumentaria axeitada para circular con bicicletas e motocicletas ou de cumprir e respectar as normas que lles afectan especificamente. Pola outra, búscase sensibilizar aos condutores sobre a elevada exposición ao risco destes usuarios e a necesidade de manter o nivel de alerta constante perante a súa presenza na vía.