Na mañá de hoxe a alcaldesa e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas acudiron á recepción da obra e supervisaron as últimas actuacións co obxectivo de abrir as instalacións na maior brevidade
A alcaldesa, Marta Rouco, e o Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luís Fernández, acudiron esta mañá á recepción da obra de construción das novas piscinas exteriores da Madalena co que se dan por finalizadas as actuación de levantamento e acondicionamento das mesmas.
Desta forma, o goberno local traballa xa na posta a punto das novas piscinas municipais co obxectivo de poder abrilas durante o comezo do verán e para que desta forma «todos e todas poidamos facer uso dunhas instalacións pensadas para o desfrute do tempo de ocio, do verán e do bo tempo» sinalou a rexedora, Marta Rouco.
Así pois, a obra final inclúe tres piscinas: unha infantil de 0,45 metros de profundidade, unha de natación para uso deportivo de 1,55 metros de profundidade máxima e outra recreativa cunha profundidade de 1,20 metros. No caso do vaso infantil, este conta ademais con surtidores de auga para potenciar e estimular os xogos nesa área.
Ademais, as instalacións tamén contan cun edificio de servizos que se atopa semisoterrado nunha das ladeira do espazo e no cal se integran os vestiarios, os aseos, a sala de socorrismo, un almacén e unha zona para recepción.
«A intención é que a transición dende a contorna da praia fluvial ao espazo propio das instalacións recreativas se conciba como un lugar único, integradas ambas zonas nunha soa» sinalou o Concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández, quen ademais salientou «a separación existente entre as propias piscinas e as instalacións de uso para os usuarios e usuarios da praia fluvial, que contarán con aseos e vestiarios á súa disposición de acceso totalmente libre».
Pola súa banda, na zona sur, a parte arborada servirá como límite natural e como espazo de descanso de pavimento vexetal con zonas de sol e sombra, complementando os espazos de solarium que se dispuxeron xunto ás piscinas.
Finalmente, a alcaldesa, Marta Rouco, quixo destacar a importancia destas novas instalacións coas que «a veciñanza e os visitantes poderán gozar dunha nova oferta recreativa que ten como obxectivo ofrecerlle unha nova vida á contorna do río á vez que se dá resposta ás necesidades e gustos de todas as xeracións».