O CONCELLO COORDINARÁ A TRAVÉS DE ‘VILALBA CONTIGO’ TODAS AS POLÍTICAS MUNICIPAIS DE SERVIZOS SOCIAIS

O Concello de Vilalba pon en marcha o programa ‘Vilalba Contigo’ para coordinar e mellorar a eficiencia de todas as políticas municipais de Servizos Sociais.

“Desde a Concellería de Servizos Sociais xestionamos numerosos servizos municipais, moitos deles dunha forma transversal e coa implicación de diferentes departamentos”, explica a alcaldesa de Vilalba e responsable da área de Servizos Sociais, Marta Rouco.

“Queremos reforzar a eficiencia de todas as políticas sociais baixo o paraugas deste novo programa, ‘Vilalba Contigo’, mellorando a súa coordinación e tamén a información que lle damos ás veciñas e veciños sobre os recursos existentes”, afirma Rouco.

En palabras da alcaldesa de Vilalba, “no goberno local entendemos as políticas sociais como un conxunto de accións que engloban a atención á veciñanza naquelas necesidades asistenciais que teñan ou en apoio dunha mellor calidade de vida”.

O Concello de Vilalba conta cun equipo de orientación, asesoramento e información que ten por obxecto informar á cidadanía sobre os distintos dereitos e recursos en materia de servizos sociais, así como orientar e asesorar ás persoas e grupos que estean afectados por problemáticas específicas, diagnosticando a situación e derivándoos, se é necesario, aos servizos sociais de atención especializada.

Dentro dos servizos sociais comunitarios básicos, o concello conta cun programa de valoración, orientación e información; o Servizo de Axuda no Fogar (SAF); o programa de educación e apoio familiar dirixido a familias en situación ou en risco de exclusión social, e o programa básico de inserción social.

Dentro dos servizos sociais comunitarios específicos, atópanse o servizo de atención temperá da agrupación de concellos de Guitiriz, Vilalba e Xermade; o centro ocupacional Terra Cha de Vilalba; ou o programa dirixido á inclusión social da poboación inmigrante.

Desde a Concellería de Servizos Sociais, o concello tamén xestiona a escola infantil municipal; o Centro de Información á Muller (CIM); a unidade de prevención de drogodependencias; ou o seguimento individualizado das persoas de máis de 70 anos.

«Moitos servizos e moitas demandas, que queremos atender e xestionar da forma máis eficaz posible», remata Marta Rouco.