Alcaldía

SAÚDO DA ALCALDESA

Benvidos e benvidas á páxina web do noso Concello, o espazo virtual a través do cal poderedes acceder a diversos trámites cos que dende a institución municipal pretendemos axilizar os procesos e facilitar toda a información necesaria aos nosos veciños e veciñas, de tal forma que a golpe de “click” sexa posible coñecer as vosas inquedanzas, suxestións, queixas ou críticas. Pois, tamén nesta páxina dispoñedes de múltiples recursos cos cales buscamos por en marcha unha comunicación activa e bidireccional con toda a cidadanía.

Así mesmo, tamén na nosa páxina institucional están ao voso dispor as novas e a actualidade do noso municipio, as responsabilidades de cada un/unha dos/as concelleiros/as, algúns contactos e ligazóns de interese, diversos trámites e servizos, información sobre eventos destacados, toda a normativa municipal, e múltiples accesos a outros portais como a sede electrónica, o perfil do contratante ou o portal de transparencia. Diversas ferramentas coas que perseguimos dar a coñecer toda a información pública á que os veciños e veciñas tedes dereito de acceso e coa que damos conta das nosas decisións.

Marta Rouco
Alcaldesa de Vilalba

Ademais, a través deste portal poderedes coñecer algúns anaquiños da historia e da beleza que posúe a nosa fermosa vila, capital da comarca da Terra Chá e fonte de sabedoría e progreso. Non obstante, a mellor forma de descubrir o encanto de cada un dos nosos recunchos é achegarse a eles para gozar en primeira persoa dos grandes tesouros que posuímos: a nosa natureza e a nosa xente, os vilalbeses e vilalbesas. É por iso que vos convido a todos e todas a facer unha parada no noso concello, gozar dun bo manxar e coñecer a nosa tradición e a nosa cultura, que nos identifica dentro e fóra das nosas fronteiras.

En definitiva, nesta páxina poderedes realizar a maior parte dos trámites municipais e consultar todo tipo de información pública, incluídas as novas e as alertas que o Concello comunica á veciñanza. Ademais, o Concello de Vilalba tamén ten a disposición de todos e todas vós a aplicación Línea Verde, onde podedes comunicar todo tipo de incidencias, realizar consultas a expertos ou recibir cada día as noticias publicadas nas redes sociais institucionais.

E para calquera cuestión estamos tamén ao voso dispor na Casa do Concello, coas portas abertas para servirvos e atendervos naquilo que precisedes.

Un saúdo.

BIOGRAFÍA MARTA ROUCO

Marta María Rouco Seoane é unha vilalbesa que desenvolveu boa parte da súa vida persoal e académica na súa vila natal. Nada no ano 1983 na parroquia de Goiriz, realizou os seus estudos primarios no CEIP Insua Bermúdez de Vilalba, continuando a súa formación secundaria e post-
obrigatoria no IES Basanta Silva.

Non obstante, as esixencias académicas levárona a recalar en Santiago de Compostela, onde cursou a Licenciatura en Ciencias Políticas e da Administración na Facultade de Ciencias Políticas da capital galega. Tamén en Compostela, na Facultade de Ciencias Económicas da USC, realizou un mestrado en Administración Financeira e Tributaria.

Unha vez rematados os seus estudos superiores, Marta Rouco comezou a súa traxectoria profesional vinculada ás entidades financeiras, onde ocupou postos de xestión e administración, para máis tarde trasladarse ao ámbito da xestión da Seguridade Social, traballando durante oito anos nunha mutua colaboradora con dito servizo público.

En xaneiro do ano 2018, a hoxe alcaldesa de Vilalba foi nomeada Xerente do Consorcio Provincial De Lugo para Prestación do Servizo Contra Incendios e Salvamento logo de superar todas as fases do proceso selectivo e obter a maior cualificación final. Así pois, Marta mantívose na xerencia do Consorcio Provincial de Lugo ata outubro do ano 2023, data na que asumiu a alcaldía de Vilalba e
obtivo unha excedencia forzosa por cargo público.

No eido da política local, Rouco presentouse por primeira vez ás eleccións municipais no ano 2011, figurando como independente no número 6 das listas do Partido Socialista, ao que máis tarde se afiliaría. Precisamente da man dos socialistas vilalbeses, Marta chegou a concelleira nos comicios do ano 2015, nos cales ocupou o terceiro posto da candidatura do PSdG.

Xa no 2019, o cambio de goberno en Vilalba levou á agora alcaldesa a ocupar a concellería de Servizos Sociais, Economía e Facenda e Comercio, da que foi responsable durante a primeira lexislatura do Partido Socialista en Vilalba.

Finalmente, tralas eleccións municipais do 2023, o Partido Socialista volvería poñerse á fronte da alcaldía de Vilalba, posto no que Marta Rouco foi elixida en outubro dese mesmo ano trala dimisión da súa compañeira Elba Veleiro. Un cargo, que segundo ela mesma asegurou durante o seu discurso de investidura, “supón unha honra, pero tamén unha gran responsabilidade que desempeñarei con
toda a dedicación que merece”.