O Concello de Vilalba acometerá nove obras no casco urbano e as parroquias con cargo ao Plan Único 2024 da Deputación de Lugo, mellorando desta forma as infraestruturas públicas municipais.
“O obxectivo é mellorar a vida diaria dos nosos veciños e veciñas, e as instalacións dos centros educativos, como a escola infantil municipal e o CEIP Manuel Mato Vizoso”, explica a alcaldesa, Marta Rouco, que agradece “a implicación da Deputación de Lugo co noso concello”.
Ademais, o concello contratará a 8 traballadores e haberá unha aportación de 70.000 euros para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), dos que 28.122,59 euros proceden da Deputación e 41.877,41 euros corresponden a unha aportación voluntaria do concello.
As obras previstas son a reforma do acceso e da cuberta do almacén do estadio municipal Madalena; a renovación do pavimento da pista do pavillón polideportivo do CEIP Manuel Mato Vizoso; unha obra de paso no lugar de A Ribeira, na parroquia de Samarugo, e as repavimentacións da rúa Conde Pallares e da travesía que une a avenida Terra Cha coa rúa Mondoñedo.
Tamén está prevista a instalación de aire acondicionado na escola infantil municipal; a mellora da rúa da praza da Constitución; a mellora da accesos ao barrio da Abelaira, na parroquia de Corvelle, e ao barrio de Picol, en Árbol; o pintado de varias rúas no casco urbano, e o subministro de luminarias solares.
As contratacións de traballadores/as serán de dous peóns de obras; un chófer de camión-palista; un xardineiro; un electricista; un administrativo; un técnico medio, e un técnico en turismo.