A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou “o claro acento social destas contas continuando na liña dos anos anteriores, destinando por exemplo máis de 3,3 millóns de euros ao Servizo de Axuda no Fogar e case 200.000 euros á escola infantil municipal”.
A partida para o SAF será en concreto de 3.310.045,53 euros. O servizo, que conta con 143 traballadores, atende a día de hoxe a 311 veciños e veciñas (14.700 horas mensuais).
“É unha prioridade para nós, pero non é comprensible que un concello como Vilalba destine máis de 3,3 millóns ao SAF”, asegura a alcaldesa, que demanda “de forma urxente unha maior aportación por parte da Xunta, que debe asumir as súas competencias e non afogar desta maneira aos concellos”.
De feito, dos máis de 13 millóns de euros do orzamento municipal, o concello conta con menos de 500.000 euros de libre disposición.
Outra partida destacada este ano son os 1.592.320,75 euros destinados ao novo contrato de limpeza e recollida de lixo. O concello licitará en breve o servizo, con importantes novidades e melloras.
“Un orzamento social e realista, unhas contas pensadas por e para os veciños e veciñas de Vilalba, que tentan recoller na medida do posible as demandas da veciñanza e das distintas entidades do noso tecido asociativo, reforzando o noso plan de mellora continua de todos os servizos e infraestruturas públicas”, afirma Rouco.
A partida para apoiar ás organizacións e entidades culturais, deportivas e sociais con actividade en Vilalba ronda os 375.000 euros.
No capítulo de investimentos, o concello adianta que o orzamento será obxecto de varias modificacións de crédito durante o ano, unha vez resoltas as distintas convocatorias de subvencións e axudas solicitadas, ou o plan de obras da Deputación de Lugo.