O responsable de Desenvolvemento Industrial e Vicealcalde de Vilalba, Modesto Renda, anunciou hoxe a saída á venda das 6 parcelas de titularidade municipal, correspondentes ao plan de ampliación de Entrepinares.
Acompañado polo Presidente da Asociación de Empresarios Polígono Sete Pontes, Renda deu conta das modificacións efectuadas no prego de bases do concurso en relación co anterior proceso de poxa, deixando claro o impulso que as motivou.
“Queremos dar todas as facilidades e máis ás empresas para que se instalen en Vilalba, e é por isto que reducimos trámites burocráticos ó tempo que nos blindamos fronte a calquera tentativa de especulación”, explicou.
ELIMINACIÓN DA GARANTÍA
A principal diferenza en relación co anterior proceso de poxa radica na eliminación da garantía provisional. No anterior concurso, os interesados, para poder formar parte da poxa, debían acreditar a constitución dunha garantía por valor do 5% do importe do prezo inicial (excluído o IVE) e no caso de concorrer á poxa por máis dunha parcela, estes debían constituír a correspondente por cada unha delas.
“Eliminando a garantía, buscamos unha maior participación e evitar que este concurso quede deserto nun contexto de evidente demanda de chan industrial”, declarou.
PREZOS E SUPERFICIE DAS PARCELAS
As parcelas suman en conxunto 5.600 metros cadrados e a fórmula elixida para a venda volverá ser a subasta. “A máis grande é de 1.052 metros cadrados de superficie edificable e as dúas máis pequenas de 860,80” explicou o Vicealcalde, quen lembrou que e as ofertas deberán presentarse dentro do “prazo dun mes contado a partir do día seguinte á publicación do anuncio de licitación no Perfil do Contratante do Concello de Vilalba”.
Así, engadiu, “O prezo mínimo de partida é de 48,80€ o metro cadrado máis IVE” pois, os prezos que se establecen teñen o carácter de mínimos, de modo que non se adxudicará ningunha parcela por un prezo inferior, e encóntranse estipulados conforme a taxación que obra no expediente, efectuada a mesma conforme as determinacións do artigo 77 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.
OBRIGAS DO/A ADQUIRINTE
O adquirinte obrígase a edificar, e a ter implantada a actividade especificada na memoria que figura na correspondente documentación administrativa, con todos os permisos e licenzas no prazo de tres anos.
Por último e no tocante ao tempo de mantemento en funcionamento da actividade posta en marcha (dende a notificación da licenza de actividade) as bases fixan un período mínimo como blindaxe fronte á especulación; pero o Concello poderá autorizar o cese ou o cambio da actividade antes de que finalice o prazo, sempre que se acrediten causas que o xustifiquen.