A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, considera “un castigo para os nosos veciños e veciñas os orzamentos da Xunta”, xa que por quinto ano consecutivo “non inclúen nin un só euro para o noso concello”.
“É un desprezo e unha forma de entender a política completamente partidista, pero así non castigan a un goberno local progresista, castigan aos veciños e as veciñas de Vilalba”, engade Rouco.
A alcaldesa lembra os encontros mantidos nos últimos anos “sen éxito” con representantes da Xunta para desbloquear “temas tan importantes como o centro de día de Vilaba, a ampliación das infraestruturas de captación e abastecemento de auga, ou a conservación da estrada que une Lugo co municipio”.
Rouco pregúntase “onde quedan aquelas palabras do entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que nunha visita a Vilalba no ano 2020 manifestou que o noso concello era unha prioridade máxima para o goberno galego”.
“E mentres pasa isto, o concello asume cada vez máis competencias impropias, asumindo gastos que lle corresponden á Xunta no Servizo de Axuda no Fogar ou na xestión do comedor da escola infantil municipal”, remata a alcaldesa.