O Concello de Vilalba aprobou hoxe nun pleno extraordinario as obras para a reparación da cuberta do pavillón municipal. Terán un orzamento de 75.000 euros.
“Uns traballos importantes, que servirán para poñer fin aos problemas que temos no inverno coas filtracións de humidade, provocando nos días de máis choiva goteiras nunha instalación moi utilizada polos clubes deportivos de Vilalba”, explica a alcaldesa, Marta Rouco.
As obras consistirán na substitución da cuberta existente por unha nova cunhas condicións de aillamento axeitadas. Renovaranse tamén as cubertas dos vestiarios das instalacións, mellorando a súa eficiencia enerxética.
O concello instalará tamén unhas novas canastras de minibasket, valoradas en 4.182,49 euros.