O CONCELLO DE VILALBA INCENTIVA A CONTRATACIÓN DOS ALUMNOS E ALUMNAS DO OBRADOIRO DE EMPREGO ‘TERRA CHA NO CAMIÑO III’

O Concello de Vilalba incentiva a contratación por parte das empresas dos alumnos e alumnas que participan no obradoiro de emprego ‘Terra Cha no Camiño III’.

En concreto, trátase de axudas de 1.500 euros para contratar aos seis alumnos e alumnas que participaron no módulo de ‘Operacións de gravación de datos e documentos’ (seis persoas para a dixitalización do arquivo municipal), e aos 8 alumnos do módulo de ‘Revestimentos con pezas ríxidas por adherencia na construción’, dirixido a albaneis, enfoscadores e peóns.

“Aínda que non temos competencias directas en materia de emprego, os concellos debemos impulsar todas aquelas actividades de formación que melloren a empregabilidade e posibiliten a inserción laboral dos nosos veciños e veciñas”, asegura Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba.

As bases das axudas publicáronse no BOP de Lugo o pasado día 7 e o prazo para presentar as solicitudes de axudas remata o 22 de setembro. A formalización dos contratos debe facerse entre o 19 de setembro e o 9 de outubro. O obradoiro de emprego clausúrase este luns, día 18 de setembro.