Vilalba, 3 de agosto de 2020. O Concello de Vilalba considera prioritario o coidado e a limpeza dos espazos públicos, polo que desde o comezo da lexislatura tomou decisións dirixidas a cumprir este obxectivo.
Nas últimas datas, o concello vén de instalar 13 puntos dispensadores de bolsas para a recollida de deposicións caninas en diversos puntos da vila, con carteis indicativos da normativa municipal, instando aos veciños e veciñas a utilizalos con responsabilidade e facendo especial fincapé en manter limpos os espazos do conxunto da veciñanza.
“Debemos respectar os espazos públicos, tanto os usuarios que pasean polas vías públicas como os responsables dos animais; queremos poñer todos os medios posibles para manter limpas as nosas rúas, libres de refugallos de todo tipo, tamén das deposicións de animais domésticos”, sostén Rodrigo Pavón, tenente de alcalde do Concello de Vilalba.
O concello fai un chamamento á concienciación da veciñanza para manter os espazos limpos e, ante o comportamento incívico dalgúns veciños, lembra a normativa municipal vixente, con multas por non recoller as deposicións das mascotas que van ata os 33 euros por deposición non recollida.
Por outra banda, o concello instalou tamén novos puntos para a reciclaxe de papel e de vidro, cun total de 12 colectores que chegaron mediante unha subvención (custo cero para as arcas municipais), e adquiriu trinta novos colectores de fracción ‘resto’ para a renovación dos que se atopaban deteriorados no rural.