O Concello de Vilalba solicitou unha subvención con cargo aos Fondos Next Generation da UE para a mellora da eficacia e da eficiencia do ciclo da auga municipal, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia.
O grupo de goberno presentou unha liña de actuacións, valoradas en 3.964.429,46 euros, dentro dun proxecto conxunto coa Agrupación Lugo Norte, onde os sete concellos integrantes buscan lograr sinerxias que lles posibiliten acadar un fortalecemento da súa capacidade técnica, compartir custos, mellorar a implementación das tecnoloxías e maximizar o impacto de ditas actuacións.
Ao abeiro desta solicitude, o Concello de Vilalba pretende poñer en marcha actuacións que permitan á veciñanza coñecer de primeira man o seu consumo de auga real (gracias á telelectura), evitar perdas e detectar fugas, grazas aos sistemas dixitais de detección intelixente.
O concello tería desta forma un control exhaustivo e en tempo real dos seus recursos hídricos, garantindo a súa salubridade, o seu subministro e o seu correcto uso, o que redundará a súa vez non só en beneficios particulares para a veciñanza, senón a nivel global para o seu conxunto.
“Desde o comezo do mandato traballamos para a mellora dos servizos e infraestruturas municipais con proxectos como este para o ciclo da auga; os recursos hídricos teñen un papel fundamental no tecido empresarial e industrial, o que é vital para o desenvolvemento da actividade económica e a dinamización do concello”, asegura Eduardo Vidal, concelleiro de Servizos de Vilalba.
Con estes obxectivos, os municipios solicitaron esta subvención, que está dotada orzamentariamente con 200 millóns de euros e que inclúe unha reserva explícita de 60 millóns de euros para aquelas agrupacións de concellos que concorren de forma conxunta, como é o caso de Vilalba.
O procedemento para solicitar esta subvención foi laborioso debido á propia vertebración dos Fondos Next Generation e a súa complexa tramitación para os pequenos concellos.