BASES PARA A INSCRICIÓN “CAMPAMENTOS DE VERÁN 2020”
1) Lugar e datas de inscrición.
Convocatoria de prazo para a inscrición da actividade “Campamentos Urbanos de Verán 2020”, para a realización de actividades lúdico-educativas dirixidas ós menores do Concello de Vilalba, durante os meses de xullo e agosto, que permitan ás familias a súa promoción social e laboral.
Cada neno/a, poderá escoller UNHA das seguintes quendas:
13- 31 xullo
3-21 agosto.
Ditos campamentos, van dirixidos ós nenos e as nenas nados entre 2.008 e 2.015 do Concello de Vilalba, tendo un total de 90 prazas (45 por quenda).
A inscrición, priorizarase de xeito telemático a través da sede electrónica do Concello de Vilalba https://vilalba.sedelectronica.es/info.0 .Tamén será posible facelo de forma presencial na Oficina de Deportes do Concello (10 a 14), previa cita (sede electrónica ou no teléfono 982510761- Deportes).
O período de inscrición será dende o 22 de xuño ata o 3 de xullo (ambos inclusive).
2) Requisitos mínimos de participación.
2.1. As persoas proxenitoras deben estar empadroadas no municipio con data anterior a esta convocatoria, así como os menores para os que se solicita praza.
2.2. As persoas que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33% poderán participar na convocatoria sempre que teñan capacidade de integración no grupo ou estea acreditado a través dun informe médico, educativo ou social que se vai beneficiar das actividades desenvolvidas.
3) Adxudicación de prazas.
A adxudicación realizarase da seguinte forma:
3.1.) Adxudicación directa: Se as solicitudes non superan o número de prazas ofertadas.
3.2.) No caso de que o número de solicitudes supere o número de prazas ofertadas aplicaranse os criterios establecidos nestas bases (apartado 4):
– 1º darase prioridade ás familias cuxa unidade familiar teña unha renda per cápita anual inferior ou igual ao 100% do IPREM (6.454,03 €). Xustificarase coa declaración da Renda do 2018 (base impoñible xeral+ base impoñible de aforro) ou autorización datos fiscais (anexo I).
– 2º Unha vez cumprido este requisito, terase en conta os criterios de valoración do apartado catro. Se non se cubriran todas as prazas aplicando a prioridade do criterio económico, cubriranse con aquelas familias que non cumpran o criterio descrito da renda, previa valoración de criterios correspondentes ao apartado 4.
4) Criterios de valoración.
Criterios xerais Puntuación
CRITERIOS | PUNTUACIÓN |
Familias nas que traballen os dous proxenitores ou titores/as | 10 |
Familia monoparental/monomarental traballando. | 10 |
Familias nas que só unha das persoas proxenitoras está en situación laboral activa. | 3 |
Familia monoparental/monomarental que non se atopen en situación laboral activa. | 3 |
Familias que soliciten praza para máis dun/dunha menor |
1 (por cada menor) |
Criterios de carácter social Puntuación
CRITERIOS | PUNTUACIÓN |
Familia numerosa categoría xeral | 2 |
Familia numerosa categoría especial | 3 |
No suposto que a nai/titora, pai/titor ou representante legal da persoa menor sexa coidador/a non profesional dunha persoa en situación de dependencia (Lei 39/2006 de Promoción da Autonomía Persoal e Atención a Persoas en Situación de Dependencia e sucesivas modificacións) |
2 |
Por cada persoa con discapacidade na unidade de convivencia |
1 |
Vítimas de violencia de xénero | 3 |
Nos casos en que haxa igualdade de puntuación, para a obtención da praza adxudicarase
considerando a orde de entrada da solicitude no Concello de Vilalba.
As persoas que obtiveron praza no campamento e finalmente non vaian participar no mesmo, deberán presentar renuncia ao efecto por escrito a través do rexistro do Concello de Vilalba ou ben a través da sede electrónica.
5) Documentación.
Para a xustificación destas situacións requírese a seguinte documentación:
– Formulario modelo de inscrición. (ANEXO I)
– Fotocopia do Libro de Familia (páxina onde aparece o inscrito) ou DNI (en caso de ser o primeiro ano de inscrición).
– Declaración da Renda do 2018 (base impoñible xeral+ base impoñible de aforro) ou autorización datos fiscais dos adultos da unidade familiar (ANEXO II)
– Certificados de empresa conforme se está traballando e non en período de vacacións. Dito documento deberá especificar que nas datas que solicita o campamento non ten programadas as vacacións (De non vir especificado será excluída a solicitude da baremación). Para as persoas autónomas entregarase fotocopia do último recibo de autónomos.
– Documentación onde se recoñeza a libranza para coidados no contorno familiar por coidador non profesional, para situacións de dependencia.
– Outra documentación que se requira para xustificar as diferentes situacións baremables no apartado 4 de criterios de valoración.
A documentación que non se presente no prazo establecida, non se poderá presentar
posteriormente, realizándose a baremación coa documentación achegada.
6) Comisión de baremación.
O Concello de Vilalba constituirá unha comisión de baremación e seguimento composta
por:
Presidencia: Concelleira de Educación, Infancia e Mocidade e Feiras e Mercados ou persoa en quen delegue.
Secretaría: Técnico deportes- Concello de Vilalba ou persoa en quen delegue.
Vogal: Técnico de deportes- Concello de Vilalba ou persoa en quen delegue.
7) Listaxe de persoas admitidas.
A listaxe provisional de persoas admitidas publicarase no taboleiro de anuncios do Concello e na páxina web municipal www.vilalba.org. Concederase un prazo de 3 días hábiles para a presentación de reclamacións.
Rematado o prazo de reclamacións á lista provisional publicarase a lista definitiva e a lista
de agarda, se fora o caso.
No caso de que se produzan vacantes e se atope esgotada a lista de espera aceptaranse as solicitudes por orde de rexistro de entrada.
8) Baixas.
Causarase baixa automática no servizo, sen dereito a devolución da cota de inscrición, por calquera das circunstancias seguintes:
– Por solicitude propia.
– Por comprobación de falsidade na documentación ou datos achegados.
– Por compatibilizar o campamento con outra actividade externa, no mesmo horario.
– Por falta de asistencia continuada durante máis de tres días sen causa xustificada.
– Por incumprimento reiterado das normas por parte do/a menor e da familia.
As baixas producidas por calquera dos motivos expostos cubriranse coas solicitudes da lista de agarda.
A baixa na actividade non dará lugar á devolución da cota de inscrición ou no seu defecto da parte proporcional correspondente.
9) Lugar e horario.
As actividades terán lugar nas seguintes instalacións:
– Pavillón municipal de deportes
– Pavillón municipal CEIP Mato Vizoso
– Pavillón municipal CEIP Insua Bermúdez.
– Auditorio Carmen Estévez.
O horario das actividades será de 9:00 ata 14:00 horas.
10) Cota de inscrición.
As persoas adxudicatarias das prazas, incluirán no formulario de inscrición un nº de conta onde desexan domiciliar o pago da taxa dos campamentos de verán (Ordenanza fiscal nº 33).
Establécese a seguinte cota de inscrición:
Empadroados/as: 90 € quenda, por cada menor participante
Non empadroados/as: 180 € quenda, por cada menor participante.
Exentos/as: de balde (válido con informe de Servizos Sociais).