O CONCELLO DE VILALBA OBTÉN UNHA NOVA SUBVENCIÓN DE 500.000 EUROS DE FONDOS EUROPEOS PARA ZONAS VERDES, CONXUNTOS ARBÓREOS E MELLORAS NA ACCESIBILIDADE DO CASCO URBANO

O Concello de Vilalba acadou unha nova subvención de 500.000 euros por un innovador proxecto municipal de infraestruturas ambientais, sociais e dixitais, coa inclusión de conxuntos arbóreos e zonas verdes en varias rúas do casco urbano, facilitando ademais a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida.

A subvención, de fondos europeos, foi concedida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Esta achega permitirá afrontar o 100% do investimento necesario na actuación.

Para a obtención da subvención, foi fundamental que o concello tivese un Plan de Mobilidade, forme parte do Paces (Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible) e iniciase neste mandato unha aposta pola humanización e a sostenibilidade no casco urbano, con obras como as da rúa da Pravia.

A Unión Europea e o goberno central valoran para a concesión de subvencións este tipo de apostas, recuperando o protagonismo para os peóns e impulsando a mobilidade sostible nos concellos.

A actuación con esta nova subvención acometerase na rúa de Galicia e a súa continuación na rúa Cidade de Lugo; avenida Terra Chá; rúa da Feira; rúa Campo da Ponte; rúa Muras e a súa continuación coa avenida de Cospeito; rúa Castelao e Camiño Campo Redondo, ata o cruzamento co camiño das Rodas.

Trátase dun proxecto innovador, dotando de arboredo, espazos permeables e zonas de descanso e calidade ambiental aos veciños de Vilalba. Paralelamente, a actuación mellorará a infiltración de pluviais; a resiliencia fronte ao cambio climático; as capacidades de captación de carbono; a xestión das aguas pluviais, e o conxunto da calidade urbana de Vilalba.

A xestión das novas plantacións xerará postos de traballo e un know-how dixital e específico de gran potencial, en especial pola incorporación de Sistemas de Drenaxe Urbano Sostible (SUDs) e as técnicas GIS para o inventariado e xestión das novas zonas instaladas.

Por outra parte, o cambio na xestión das aguas pluviais reducirá a necesidade de xestión e tratamento, co consecuente aforro económico.

“O proxecto aumenta a comodidade dos peóns e dos usuarios dos aparcadoiros; as zonas verdes, ademais da colocación de arboredo que permite áreas de sombra e a redución da contaminación, incorporan unha zona de estar que mellora a accesibilidade das beirarrúas, permitindo o descanso das persoas con mobilidade reducida e a convivencia entre os habitantes”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.

Establecéronse varios tipos de zonas segundo a situación actual das redes de instalación, xa sexa coa incorporación do arboredo enrasado coa beirarrúa actual; zonas nas que a existencia do paso de máis dunha rede restrinxe a incorporación de parterres enrasados, e zonas nas que haberá parterres elevados, que permiten árbores en altura.

O proxecto afecta a un ámbito dun total de 87.000 m2 de viario urbano, nos que se dispoñerán un total de 118 conxuntos arbóreos.