O Concello de Vilalba cualifica de todo un éxito a celebración esta mañá da Feira do Capón 2022, unha das datas máis especiais da axenda local que pon en valor o produto estrela da capital chairega.
O conxunto da corporación local, coa alcaldesa Elba Veleiro e o resto do goberno, estiveron na feira, á que tamén asistiron a subdelegada do goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; os deputados provinciais de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, xunto a outras autoridades.
“O meu primeiro pensamento en canto agradecementos vai para todas as criadoras e criadores, que ano tras ano dedican parte da súa vida a tan laboriosa produción para criar ese manxar tan exquisito e esperado no nadal”, subliñou Elba Veleiro na súa intervención.
“O capón que presentamos segue unha tradición centenaria loada e admirada por todo o mundo”, destacou antes de engadir: “Grazas infinitas a todas e todos de verdade e de corazón. Sodes exemplo para nós de constancia e de tenacidade, dun xeito de mimar e coidar o produto que traspasada varias xeracións. Nestes catro anos que levo como alcaldesa comprobei más preto que nunca que a vosa paixón, a adoración coa que criades cada exemplar e a preocupación coa que vós insistides en manter esta tradición é o verdadeiro segredo de que a Feira de Capón de Vilalba manteña o seu prestixio e o seu valor gastronómico e turístico”.
Neste 2022, resultaron premiados cos prestixiosos galardóns da Feira do Capón de Vilalba: Oliva Souto, como mellor criadora e polo maior número de exemplares traídos á feira; Jesús Pérez Cortiñas polo mellor par; e Francisca Castiñeiras pola mellor cesta.
Houbo un premio especial por parte do xurado para o criador Jesús Domínguez pola súa traxectoria.
Centenares de veciños e visitantes se acercaron ata Vilalba para desfrutar desta Feira tan admirada dentro e fora de Galicia e que nesta ocasión contou coa participación de 35 criadores, que censaron un total de 1.100 exemplares deste codiciado produto en calquera menú de Nadal.
Dende ás 10.00 horas, momento en que a Feira abriuse ao público, todos os visitantes puideron desfrutar dos exquisitos produtos de Vilalba e os municipios da súa contorna como o queixo de San Simón, o roscón de Vilalba, diferentes tipos de carnes, marmeladas, mel ou as filloas de Muimenta.
Tamén dende as 12.30 horas repartíronse na foodtruck ata 300 tapas de capón para que todo o mundo probase este manxar con tres elaboracións diferentes da man de Antonio Díaz, cociñeiro da AUTGA Autóctonas especializado en produtos locais e autóctonos.