O CONCELLO DE VILALBA PRESENTA ESTE VENRES A PELÍCULA ‘VALENTINA’, GAÑADORA DUN GOYA

Este venres, día 16 de decembro, Vilalba vestirase de gala para a presentación da película ‘Valentina’, patrocinada polo concello e que no pasado mes de febreiro gañou o Goya á mellor filme de animación.

A película está moi vencellada a Vilalba tanto polo feito de que conta coa produción de María Barro, natural da capital chairega, como porque a tamén vilalbesa Ana Campos foi a creadora das guías didácticas elaboradas para traballar sobre os contidos da peza. Ademais, como parte da historia que se narra, destaca que á protagonista, unha nena con Síndrome de Down, o queixo que lle gusta é o DOP San Simón da Costa.

A presentación da película forma parte dos actos do Programa de Nadal do Concello e levarase a cabo en dúas sesións no Auditorio. O primeiro pase será a partir das 11:30 horas para o público escolar, mentres que as 18:00 horas será un pase para o público en xeral coa entrada de balde.

Na proxección da película, que está dirixida pola ferrolá Chelo Loureiro, estará presente tamén parte do equipo.

A aposta de Vilalba pola cultura, pola inclusión social, polo talento e polo audiovisual producido en Galicia e en galego quedou patente co patrocinio desta película por parte do Concello.

Enlace web de Valentina: https://valentinafilm.es/gl/