O Concello de Vilalba dá mañá, martes, o pistoletazo de saída ás festas do Nadal co acendido das luces diante do Concello.
A partir das 18:30 horas todos os veciños e veciñas da vila están convidados a desfrutar deste simbólico acto, que dá inicio a unha das épocas do ano máis agardadas e desexadas por todos.
Este momento tan especial contará coa actuación da mini banda de Vilalba e dos pequenos e pequenas da Asociación Cultural de Andrade, que de seguro farán desfrutar a todos os que acudan ata o concello. Tamén participará unha representación do Centro Ocupacional de Vilalba.
O acendido do alumeado pon en marcha tamén o amplo e variado programa do Nadal 2022 en Vilalba, que terá continuidade este mesmo sábado coa representación no Auditorio do espectáculo de maxia ‘Euforia’ de Dani Polo.
A última proposta do ilusionista galego conta cunha posta en escena realmente espectacular.
A actuación, de carácter familiar, ten un custe de 2 euros. As entradas previas poderán obterse tanto a través da web do Concello (https://www.vilalba.gal/) como na Casa da Cultura.
Nesta mesma semana, o domingo día 12 volverán a abrirse as portas do Auditorio, esta vez de balde, para a actuación de A Croa dos Chairos, dentro do Circuíto de teatro afeccionado da Deputación de Lugo.