O CONCELLO DE VILALBA PRESENTA UNHA AMPLA PROGRAMACIÓN DE IGUALDADE ARREDOR DO 25N

O Concello de Vilalba únese á conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se celebra o próximo 25 de novembro, cunha serie de actividades enfocadas a sensibilizar, previr e loitar contra as diferentes violencias machistas. ‘A meta, a igualdade. O feminismo, o camiño’ é o lema elexido un ano máis.

A presentación da programación correu a cargo da alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, es as concelleiras de Igualdade, Vanesa Siso, Servizos Sociais, Marta Rouco e Educación, Antía Rama.

Para conmemorar este 25N, dende o Concello deseñouse unha ampla programación destinada a todas idades e sectores da poboación para insistir na educación e na sensibilización que comezará xa o día 4 coa difusión, no Auditorio Municipal, da longametraxe ‘Onde máis doe’ a partir das 20:00 horas. Escrito e dirixido por Manane Rodríguez, o documental narra o cruel asasinato por parte dun pai maltratador do seu fillo de 11 anos co propósito de vingarse da súa ex parella. Na peza concurren temas coma a violencia, o acoso, o asasinato dun neno para facer dano a súa nai e a ameaza de morte que aínda pende sobre a súa muller.

Para o venres 11 hai programada unha dobre cita. Por unha banda, impartirase a primeira das conferencias previstas dentro da Escola de Igualdade de Vilalba, o espazo de formación, prevención e sensibilización contra as violencias machistas e en pro da igualdade que arrincou a súa andaina o pasado ano, enfocada nesta edición a abordar a Violencia Vicaria. Nesta primeira convocatoria, a Casa da Cultura, ás 19:00, acolle unha charla impartida por Cristina Pérez Salgado, delegada de Violencia de Xénero do Colexio de Avogados de Lugo.

Tamén o mesmo día, dentro dos actos organizados co gallo do 25N, os alumnos do IES Basanta Silva terán a oportunidade de escoitar o duro testemuño de Noelia Míguez, vítima de violencia de xénero e co-autora do libro ‘Ocho señales: cuestión de vida o muerte’. 

O domingo día 13 de novembro, o Auditorio Municipal acolle a partir das 19:00 horas a obra de teatro ‘As que limpan’. A coprodución de A Panadaría e o Centro Dramático Nacional fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por acadar uns dereitos laborais e sociais xustos fronte a avaricia dos propietarios das cadeas hoteleiras.

A representación de danza contemporánea titulada ‘Pioneiras’ é a cita para o venres día 18, ás 20.30 horas, no Auditorio Municipal. A peza rende homenaxe ás mulleres que iniciaron a batalla pola igualdade, acompaña ás que seguen pelexando, e conmemora ás que non tiveron a oportunidade de gañar esta guerra contra a violencia de xénero.

O día seguinte, o sábado 19, a Escola de Igualdade de Vilalba propón esta vez dúas interesante charlas na Casa da Cultura que invitarán á reflexión. A partir das 10:30 horas será Sergio Orduña Alonso, maxistrado-xuíz titular do Xulgado de Violencia de Xénero en Lugo o encargado de impartir a conferencia baixo o título ‘Menores e violencia de xénero’, mentres que ás 12:00 horas Verónica Marcos Arrojo, presidenta de FADEMUR Galicia, falará sobre ‘As mulleres rurais fronte a violencia machista’.

O domingo continuará esta ampla axenda de actividades por mor do 25N coa presencia no Auditorio Municipal, dende ás 18:00 horas, de ‘expresARTE en Igualdade’ contra a violencia machista dirixido aos centros de ensino e o tecido cultural de Vilalba. Como cada ano, a Praza da Constitución do Concello de Vilalba focalizará os actos do venres 25, o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Entre as actividades previstas dende a Concellería de Igualdade realizarase pola mañá un acto institucional co alumnado dos centros de ensinanza onde se expoñerá todo o traballado durante esa semana nos obradoiros impartidos en repulsa das violencias machistas.