A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, lamenta “a ausencia do noso municipio nos orzamentos da Xunta para o ano 2023”, pese as demandas municipais para temas tan importantes como o centro de día, a ampliación das infraestruturas de captación e abastecemento de auga, ou a conservación da estrada que une Lugo co municipio.
“Xa denunciamos en varias ocasións o desprezo institucional por parte da Xunta cando visita Vilalba e non avisa á alcaldesa e o grupo de goberno, pero isto é peor, os orzamentos autonómicos non inclúen ningún investimento no noso concello”, afirma Elba Veleiro.
Para o Concello de Vilalba é “prioritaria” a construción dun centro de día para evitar que as veciñas e veciños teñan que desprazarse a municipios limítrofes.
Trátase dunha competencia autonómica e durante o presente mandato houbo diferentes reunións entre concello e Xunta, incluso unha entre a alcaldesa de Vilalba e o anterior presidente do goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo.
Por outra parte, o grupo de goberno do Concello de Vilalba levou o mes pasado a pleno unha moción co obxectivo de “remitir a Augas de Galicia unha memoria para a ampliación das infraestruturas de captación e abastecemento do Concello de Vilalba, para que téndoa como base, realice o oportuno proxecto técnico e a súa posterior execución”.
Ademais, solicitaba o financiamento desta actuación con cargo aos orzamentos da Xunta de Galicia da anualidade 2023. No texto da moción, o grupo de goberno afirmaba que “as instalacións actuais, tanto de captación como de tratamento, son notoriamente insuficientes para asegurar a demanda e as necesidades crecentes de subministro do concello, fundamentalmente as do polígono industrial”.
“Estes son temas prioritarios pero por suposto hai máis, Vilalba é a capital da Terra Chá e non pode quedar ao marxe dos orzamentos da Xunta de Galicia”, engade Veleiro.
Outro tema con constantes incumprimentos por parte de Xunta é o convenio para o mantemento e a conservación da estrada que une Lugo con Vilalba. O pavimento ou as beirarrúas están en moi mal estado, unhas tarefas que son competencia do goberno autonómico.
“No tempo que máis se necesita o apoio das administracións, a Xunta da as costas a Vilalba”, remata a alcaldesa.