O Concello de Vilalba informa da apertura do prazo de inscrición para a Escola Municipal de Teatro, que oferta un ano máis grupos para distintas idades.
A actividade de teatro comezará o vindeiro 20 de outubro e rematará o 29 de xuño de 2023. As sesións impartiranse no Auditorio Carmen Estévez.
Coa Escola Municipal de Teatro, o Concello de Vilalba busca fomentar a creatividade e a expresión das persoas participantes, ofrecendo unha alternativa de lecer cultural.
En total ofértanse tres grupos divididos en función da idade dos participantes. Deste modo, o grupo infantil (nados/as entre o 2016 e o 2012) asistirá de 18:00 a 19:00 os xoves. Doutra banda, o grupo xuvenil (nados/as entre 2011 e 2006) terá a súa clase os xoves de 19:15 a 20:45. Por último, o grupo de adultos diríxese a maiores de 16 anos, que asistirán a clase o xoves de 21:00 a 22:30. Cada grupo poderá acoller a un máximo de 25 participantes.
No caso de que as solicitudes de inscrición superen as prazas ofertadas, sortearanse as vacantes entre as solicitantes. Darase preferencia ás persoas empadroadas en Vilalba. As persoas que non obteñan praza pasarán a formar parte da lista de espera.
O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro mércores 20 de outubro. A inscrición realizarase a través da sede electrónica do Concello de Vilalba (https://vilalba.sedelectronica.es/board) e só en casos excepcionais aceptaranse inscricións a través do Rexistro do Concello.