O GRUPO DE GOBERNO DO CONCELLO DE VILALBA DEMANDA Á XUNTA MELLORAS URXENTES NAS INFRAESTRUTURAS DE CAPTACIÓN E ABASTECEMENTO DE AUGA

O grupo de goberno do Concello de Vilalba leva ao pleno deste xoves, día 29 de setembro, unha moción co obxectivo de “remitir a Augas de Galicia unha memoria para a ampliación das infraestruturas de captación e abastecemento do Concello de Vilalba, para que téndoa como base, realice o oportuno proxecto técnico e a súa posterior execución”.

Ademais, solicita o financiamento desta actuación con cargo aos orzamentos da Xunta de Galicia da anualidade 2023. No texto da moción, o grupo de goberno afirma que “as instalacións actuais, tanto de captación como de tratamento, son  notoriamente insuficientes para asegurar a demanda e as necesidades crecentes de subministro do concello, fundamentalmente as do polígono industrial”.

A situación obedece a informes técnicos realizados pola empresa xestora do ciclo da auga do concello: “Compre poñer remedio a esta situación para asegurar o desenvolvemento futuro do noso concello, principalmente para posibilitar a necesaria ampliación do polígono industrial; para elo, é necesario realizar unha nova toma de auga e ampliar a captación no río Vilalpedre, ampliar a ETAP das Cañotas, e construír novos depósitos para o abastecemento”.

O concello posúe unha memoria valorada que desenvolve as tres actuacións enumeradas, cunha licitación de obra por un importe que supera os tres millóns de euros.

Sector vacún

Na segunda moción, o grupo de goberno describe “a crise que dende hai tempo está a atravesar o sector do vacún de carne no noso concello” e advirte que “de non tomarse as medidas axeitadas, moitas das explotacións estarán condeadas ao peche”.

O concello mantivo unha reunión o pasado día 15 co Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas para tratar este asunto, e agora o grupo de goberno pedirá en pleno o apoio do resto dos grupos para solicitar “a convocatoria de xeito inminente dunha mesa sectorial por parte da Xunta de Galicia, composta polas persoas produtoras, a industria, a distribución e outros axentes do sector con poder de toma de decisións”.

“Solicitamos que o Concello de Vilalba apoie as reivindicacións presentadas polo Sindicato Labrego galego, asumindo a defensa dos intereses das granxas do sector do vacún de carne e, na medida das súas competencias, facer políticas dirixidas a facer viable un sector fundamental na nosa comarca”, engade.