O CONCELLO DE VILALBA INFORMA DO COMEZO DAS OBRAS DE HUMANIZACIÓN E RENOVACIÓN INTEGRAL DA RÚA DA PRAVIA

O Concello de Vilalba informa do comezo das obras de renovación integral e humanización da rúa da Pravia, impulsando a recuperación para a veciñanza dun dos principais espazos públicos da vila.

O orzamento das obras é de 935.774 euros, dos que a Deputación de Lugo aporta 500.000 euros. A partida máis importante, duns 600.000 euros, será para instalar unha nova rede de abastecemento que solucione os graves problemas existentes. Hoxe asinouse a acta de replanteo e mañá comeza a actuación.

Precisamente, os primeiros traballos na rúa serán para instalar unha tubería exterior provisional, a modo de by-pass durante as obras con entronques en cada inmoble para garantir o subministro de auga. É unha medida de seguridade para deixar de usar xa a obsoleta instalación de fibrocemento e evitar riscos.

Polo de agora non están previstos cortes de tráfico ou cambios na circulación, dos que o concello avisará con antelación.

O proxecto establece o cambio a dirección única da Rúa da Pravia e a construción dunha rotonda en cada un dos seus extremos, a fin de solventar os problemas de tráfico existentes, mellorando a súa fluidez á vez que se amplía o espazo peonil nunha das principais rúas comerciais da vila.

Coa actuación gañarase espazo para o tránsito peonil e para o desfrute da veciñanza, conformando na rúa da Pravia unha plataforma única, ampliando beirarrúas a dimensións acordes co carácter desta rúa, e introducindo zonas verdes.

A configuración abandonará a actual plataforma segregada para crear un ‘boulevard’ de plataforma continua que garanta a máxima accesibilidade, facilite os tránsitos peonís e recupere a noción de espazo de encontro, paseo e actividade que tivo nos seus orixes, conformada como unha alameda lonxitudinal.

Haberá un carril central para o paso de vehículos rodados de 3 metros. Nas marxes deste espazo rodado aparecerán bandas de 2,2 metros de pavimentos permeables, que alternarán os aparcadoiros coas zonas verdes.

En canto ó nivel de acabados, o obxectivo é o de xeralizar o emprego de materiais cun alto nivel de acabado, acorde co ámbito de centralidade e carácter histórico no que se vai intervir.

Así mesmo, prevense seccións soterradas para a redes aéreas de telecomunicacións e electricidade existentes na rúa, ademais de garantir o acceso ás telecomunicacións e o gas a todos os predios da rúa.  A todo elo hai que sumar que a iluminación prevista incorporará tecnoloxía LED de baixo consumo.