A ALCALDESA DE VILALBA E O PRESIDENTE DA CHMS COMPROBAN OS AVANCES DAS OBRAS DE MELLORA NA DEPURADORA DO MUNICIPIO

Esta mañá, a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, visitaron os traballos de mellora do saneamento na EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) no municipio.

As obras, que comezaron o pasado 30 de xullo, implican un investimento de 1,5 millóns de euros, financiados nun 80% en un 20% pola CHMS e polo Concello, respectivamente.

“Agradecemos á CHMS a súa implicación neste proxecto, a cal, sumada ao esforzo que facemos dende o Concello, permitiranos evitar estes vertidos sen tratar, logrando así un importante beneficio medioambiental”, sinalou a alcaldesa de Vilalba.

O obxectivo das obras é limitar tanto o número como o volume de verteduras sen tratamento adecuado ao rio Madalena. Para lograr este obxectivo proxectáronse  basicamente dúas actuación: a ampliación do pretratamento da EDAR e a construción dun tanque de tormentas, para a laminación e regulación de caudais en tempo de choiva.

Estas actuacións permitirán reter no tanque as primeiras augas de choiva, máis contaminadas, para envialas posteriormente á EDAR para o seu tratamento; evitando as verteduras que se producen a día de hoxe. Está previsto que as obras finalicen en xullo do próximo ano.