O convenio entre a Axencia para Modernización Tecnolóxica e a FEGAMP recolle a execución de infraestruturasde soporte ás redes para mellorar a cobertura móbil no rural
“A iniciativa do goberno responde á intención de incrementar a dotación de servizos de calidade nas parroquias de Vilalba, cunha poboación moi dispersa”
Vilalba, 3 de marzo de 2020
O goberno de Vilalba solicita a adhesión ao Convenio de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para a posta en marcha de actuacións encamiñadas a mellorar a cobertura de comunicacións móbiles no rural galego. No caso de Vilalba, esta petición vén obxectivada pola grande dispersión da súa poboación, con 29 parroquias e diversas zonas onde a cobertura debe mellorarse.
“Despois dun estudo elaborado polos servizos técnicos sobre a deficiencia da cobertura nalgúns dos puntos do termo municipal, agardamos unha resposta positiva para que o Concello poda contar cun proxecto de mellora da cobertura móbil”, aseverou o tenente de alcalde, Rodrigo Pavón. Neste senso, sería necesario a execución de infraestruturas de soporte ás redes de comunicacións móbiles precisas para mellorar a cobertura das zonas identificadas.
Neste momento, desde o goberno local “esperamos que a resposta garanta a mellora na dotación de servizos para as nosas parroquias”, destacou Pavón, pois “a nosa aposta con respecto ao rural de Vilalba é firme”, rematou.