O Concello de Vilalba contará cun novo e moderno matadoiro, que porá en marcha a empresa Avilugo e só sacrificará Capón de Vilalba con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) e polo ecolóxico.
“É unha moi boa nova para Vilalba, desde o concello estivemos moi atentos ao proceso de selección da ubicación por parte de Avilugo e finalmente será aquí, na nosa vila”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestrututuras, logo de varios encontros coa mencionada marca para levar a cabo a súa iniciativa empresarial con sede na localidade.
As previsións da empresa son as de sacrificar uns 10.000 polos ecolóxicos á semana e uns 5.000 capóns de Vilalba ao ano, facilitando a desestacionalización da produción e das ventas por parte dos criadores, circunstancia compatible e complementaria ao capón de Nadal.
O novo matadoiro dará emprego directo a dez persoas, ás que hai que sumar os postos de traballo indirecto por tarefas como o transporte dos animais. Desde o goberno local confirman “a boa nova” nunha folla de ruta que asente empresas en Vilalba, que estabilice postos de traballo e que dinamice a vida no rural.
“Servirá de impulso para o sector cárnico e agroalimentario local, xa que ademais do noso capón, Vilalba conta con varias granxas de polo ecolóxico que usarán estas novas e modernas instalacións”, apunta Fernández.
“Para darlle vida ao rural temos que ter empresas que xeren emprego e actividade, ademais duns bos servizos públicos, polo que proxectos como o deste matadoiro son moi importantes”, remata.