O CONCELLO DE VILALBA CONVOCA UN CONCURSO PARA O DESEÑO DO CARTEL DAS FESTAS DE SAN RAMON E SANTA MARÍA 2022

O Concello de Vilalba, a través da súa concellería de Cultura, convoca o Concurso de Deseño do Cartel das Festas de San Ramón e Santa María 2022.

Poderán participar no concurso todas as persoas que o desexen, sen límite de idade. O prazo de inscrición remata o 30 de xuño, a través da sede electrónica do concello https://vilalba.sedelectronica.es/ ou ben presencialmente por rexistro, en horario de 9:00 a 14:00 horas, cubrindo a folla de inscrición que estará dispoñible na web do concello https://www.vilalba.gal/ e na oficina de Cultura.

As obras presentadas deberán ser de creación propia, orixinais e inéditas. A temática aludirá, na forma que o autor ou a autora determine, ás festas patronais de Vilalba.

Só se admitirá unha participación por persoa e os deseños deberán incluír o texto “Festas de San Ramón e Santa María 2022. Concello de Vilalba”, plasmado e distribuído do xeito que escolla a autoría.

Os traballos orixinais deben presentarse de xeito presencial na oficina de Cultura ou a través de correo postal a: Concello de Vilalba (Cultura), praza da Constitución S/N. CP 27800, Vilalba.

O traballo que resulte gañador será premiado con 1.000 euros e será a imaxe do cartel das Festas de San Ramón e Santa María 2022. O xurado estará composto por persoas vencelladas á cultura de Vilalba.