Un total de 81 pemes e autónomos participaron no programa de formación e asesoramento individualizado impulsado polo Concello de Vilalba e dirixido ao comercio local e a hostalería, co obxectivo de dinamizar o sector e mellorar a súa competitividade tras a crise da Covid-19.
Un total de 81 pemes e autónomos participaron no programa de formación e asesoramento individualizado impulsado polo Concello de Vilalba e dirixido ao comercio local e a hostalería, co obxectivo de dinamizar o sector e mellorar a súa competitividade tras a crise da Covid-19.
‘Compite Vilalba’ permitiu facer unha diagnose individualizada da situación de cada negocio, para despois pasar a unha fase de formación e á realización final da actual campaña de promocións ‘D’compras por Vilalba’, na que xa hai 36 establecementos adheridos e 550 clientes.
Nas últimas semanas, realizáronse nove seminarios formativos sobre diferentes temáticas, houbo unha etapa de asesoramento individualizado e tres reunións para a formulación e o deseño da campaña ‘D’compras por Vilalba’.
Esta última iniciativa trátase dunha aplicación para móbiles de uso moi sinxelo, coa que os veciños e veciñas poden comprar nos establecementos adheridos á plataforma e acumular puntos para canxear por agasallos, que son unha aportación dos comercios participantes. Haberá tamén sorteos entre os usuarios rexistrados.
‘D’compras por Vilalba’ é unha aplicación de axuda para a dixitalización do comercio. Provocará un gasto estimado de 90.000 euros nos negocios locais neste verán e o Concello de Vilalba quere que se manteña no tempo para potenciar a dixitalización e a estratexia online do sector.
“Este programa de formación é unha iniciativa de apoio ao comercio despois de meses complicados, desde o concello queremos que forme parte dun plan continuado no tempo para axudar ao sector, xunto a outras medidas e actividades”, asegura a alcaldesa, Elba Veleiro.
O programa ‘Compite Vilalba’ comezou cunha primeira fase, de diagnose, que tiña como obxectivo poder coñecer a situación na que se atopaban os establecementos participantes no programa, para pasar despois a unha etapa de formación conxunta, coas nove píldoras formativas realizadas en líña para mellorar as capacidades e facer fronte á situación actual.
Despois, o programa chegou a unha etapa de asesoramento individualizado, realizando un acompañamento e seguimento a cada un dos comercios participantes para definir o seu plan de mellora comercial, as accións que debían implantar para aumentar a súa competitividade.
Por último, chegou a quenda de ‘D’compras por Vilalba’, a plataforma online para que o comercio local venda os seus productos, con promocións nas redes sociais, descontos e outras iniciativas.
Ligazón de descarga da aplicación: http://onelink.to/ckd85e