O CONCELLO ABRE A CONVOCATORIA DA SEGUNDA LIÑA DE AXUDAS A PEMES E AUTÓNOMOS AFECTADOS POLA PANDEMIA

O orzamento inicial é de 113.650 euros

O Concello de Vilalba informa da publicación das bases da segunda convocatoria das axudas a autónomos e empresas afectados polo peche obrigatorio das súas actividades durante a crise sanitaria.

As bases recóllense no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Lugo de hoxe, xoves 29 de decembro de 2021.Esta liña é adicional á primeira fase das axuda, cuxa convocatoria foi a finais do mes de outubro.

Nesta segunda liña de axudas, o goberno local investirá un total de 113.650 euros, que se suman aos 236.350 euros concedidos nas axudas da primeira convocatoria. Deste modo, o Concello de Vilalba realizará un investimento total de 350.000 euros en axudas ás empresas e autónomos.

O goberno local permite acollerse a esta axuda a aqueles autónomos e empresas que non solicitaron a primeira convocatoria. Ademais, esténdense a axuda a outros sectores non incluídos na primeira fase pero cuxos ingresos tamén diminuíron por mor da COVID-19.

Esta liña de axudas diríxese a aquelas empresas ou autónomos/as do municipio que tiveron que pechar os seus establecementos nalgún momento dende que se declarou o Estado de Alarma de marzo de 2020 ou outras medidas restritivas posteriores aplicadas dende o Estado ou pola comunidade autónoma para xestionar a crise sanitaria.

Establécense varios grupos beneficiarios destas axudas, en función do tipo de negocio, cuxos importes son de 850, 1.300, 2.000 e 5.000 euros.

Poderán percibir estas axudas as empresas ou autónomos/as cuxas actividades estivesen afectadas polas restricións sanitarias, detallándose este requisito no Anexo I da convocatoria. A súa facturación anual non pode superar os 500.000 euros, agás nos negocios de hostalaría que superen os 10 empregados. No caso dos autónomos/as, deberán estar afiliados como tal dende, como máximo, 8 meses despois do 14 marzo de 2020, e continuar de alta na actualidade. A actividade deberá desenvolverse no municipio de Vilalba, polo que ten que radicar no mesmo o centro de traballo afectado.

Estas axudas son compatibles con calquera outra subvención procedente doutras administracións ou entes, tanto públicos ou privados, incluídas aquelas do propio Concello de Vilalba, sempre e cando se respecten os posibles límites legais.

O modelo de solicitude destas axudas está dispoñible na web www.vilalba.gal, debendo presentarse a través da Sede Electrónica do Concello de Vilalba. O prazo para solicitar estas axudas rematará 15 días naturais despois da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, é dicir, o xoves 20 de xaneiro de 2022.

Estas axudas resolveranse por orde de rexistro de entrada, sempre e cando o solicitante cumpra cos requisitos da convocatoria. As bases completas están dispoñibles no BOP do 29/12/2021.