O CONCELLO CONCEDE 236.000 EUROS EN AXUDAS DIRECTAS A 182 NEGOCIOS AFECTADOS POLOS PECHES DA COVID-19

O concello porá en marcha nas próximas semanas unha nova liña de axudas.

O Concello de Vilalba fixo pública a resolución das axudas directas aos establecementos comerciais e de hostalería afectados polos peches obrigatorios derivados da pandemia da Covid-19.

Tras os bonos do compra do ano pasado para revitalizar o consumo, o concello optou nesta ocasión polas axudas directas nunha convocatoria de concurrencia competitiva, tras un acordo entre o grupo de goberno e Vilalba Aberta. 

O prazo de presentación de solicitudes pechouse con 212 o pasado día 17 de novembro. Tras a súa evaluación, o concello repartirá 236.000 euros en axudas a 182 negocios de diferentes sectores afectados polos peches.

“Axilizamos o procedemento para facelo máis rápido e sinxelo, o abono das axudas se fará efectivo antes do 31 de decembro”, explica Marta Rouco, concelleira de Comercio de Vilalba.

O concello porá en marcha nas próximas semanas unha nova liña de axudas, nesta ocasión para autoescuelas, academias de ensino e postos de venta ambulante, entre outros negocios.

“Dentro das nosas competencias, temos que facer todo o posible para axudar a todos os sectores afectados pola pandemia do coronavirus, contribuíndo á reactivación da economía”, engade Rouco.