O CONCELLO CONVOCA O CONCURSO DE DEBUXO INFANTIL PARA DESEÑAR O CARTEL DA FEIRA DO CAPÓN 2022

Este certame busca facer partícipes aos nenos e nenas na creación dun debuxo que formará parte do cartel oficial da Feira do Capón de Vilalba do ano 2022

O Concello de Vilalba, a través da súa Concellería de Educación, Infancia e Mocidade, Feiras e Mercados, presenta o concurso de debuxo infantil “Cartel Feira do Capón 2022”. Este certame busca facer partícipes aos nenos e nenas na creación dun debuxo que formará parte do cartel oficial da Feira do Capón de Vilalba do ano 2022.

“Queremos que os cativos e cativas se sintan incluídos nunha das citas máis importantes de Vilalba, como é a Feira do Capón. Este concurso permítenos que os pequenos e pequenas desenvolvan a súa creatividade á vez que aprenden sobre este evento e a súa transcendencia no municipio”, subliña Antía Rama, concelleira de Educación, Infancia e Mocidade, Feiras e Mercados de Vilalba.

Poderán participar no concurso os nenos e nenas ata os 12 anos de idade. Os traballos presentados estarán en relación ao Capón, á súa cría, a feira ou outros temas relacionados. Unicamente se admitirá un debuxo por neno/a que se presentará empregando calquera técnica artística (agás purpurina e tintas metálicas), nunha cartolina tamaño DIN A-4.

O xurado valorará a orixinalidade e a calidade do debuxo, tendo presente a idade do seu autor ou autora. O debuxo que resulte gañador será premiado cunha tablet e será a imaxe do cartel da Feira do Capón do ano 2022.

Os participantes poden inscribirse ata o próximo xoves 9 de decembro de 2021, a través da sede electrónica do Concello de Vilalba (https://vilalba.sedelectronica.es/) ou presencialmente no rexistro, de 9:00 a 14:00, cubrindo a folla de inscrición dispoñible na web do concello (https://www.vilalba.gal/) e na oficina de cultura.

Achéganse as bases do concurso e a solicitude de participación, que inclúen máis información sobre este evento.