O CONCELLO DE VILALBA LEVARÁ Á RÚA A MOSTRA “FALAMOS?” SOBRE AS VIOLENCIAS MACHISTAS NO MUNDO DIXITAL

Os paneis estarán na Praza da Constitución ao longo do mes de novembro para concienciar sobre a violencia que se exerce a través das redes sociais e o WhatsApp

O Concello de Vilalba avanza na súa programación de novembro coa inauguración da mostra na rúa “Falamos?, Por unha sociedade libre de violencias machistas” que se poderá visitar na Praza da Constitución ata finais de mes.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, a concelleira de Igualdade, Vanesa Siso, e a presidenta do CIM, Ana Berta Pardo, presentaron este conxunto de doce paneis que reflicten distintas microhistorias a través de capturas de pantalla de conversas na app de mensaxería WhatsApp e de imaxes e comentarios nas redes sociais.

Esta campaña creada desde a área de Igualdade e o CIM, e financiada cos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, pretende achegarse á poboación máis nova con distintas situacións simuladas que se poden atopar no seu día a día. O principal obxectivo que persegue é o dunha transformación social para a que é imprescindible detectar desde as violencias máis sutís ata as máis evidentes para mudar a desigualdade estrutural entre homes e mulleres.

Nesta liña, as distintas imaxes recollen asuntos como o acoso na rúa, a validación masculina de grupo a través da cousificación das mulleres, a negación da violencia machista, o canon de beleza imposto, a hipersexualización das rapazas nas redes, o control a través dos medios dixitais, o ciclo da violencia de xénero, a cultura da violación, a sociedade patriarcal ou a ciberviolencia.

Nesta ocasión a campaña diríxese á mocidade, “levando á rúa situacións que poden vivir a cotío e ás que lles queremos poñer nome para ofrecer ás rapazas ferramentas que lles axuden a detectar comportamentos que normalizan, poñendo especialmente o foco nos rapaces, co fin de que rexeiten unha masculinidade que fomenta a violencia e a superioridade sobre elas”.

Desde o concello consideran “fundamental adaptarse aos tempos e establecer unha conversa aberta sobre temas tabú ou realidades latentes que preocupan tamén ás familias e docentes nun espazo como o mundo dixital, que avanza a moita velocidade amplificando discursos perigosos que validan e blanquean a violencia, ofrecendo canles para o control e o machismo, e sobre expoñendo a imaxe nun momento de grande vulnerabilidade para a mocidade”.

Con esta nova iniciativa, Vilalba reforza a loita contra as violencias machistas na xuventude, lembrando a app lanzada en novembro do ano pasado “EnRede Vilalba, tecendo redes fronte ás violencias machistas”, con información para este colectivo, como a descrición das ciberviolencias, tips para relacións saudables, pautas para actuar ante casos de violencia de xénero, directorio de teléfonos, propostas de webs, lecturas e materiais audiovisuais, así como un contacto directo con igualdade do Concello.