O aforro económico anual rondará os 11.000 euros.
O Concello de Vilalba informa do remate das obras do proxecto de eficiencia enerxética e renovación do alumeado público con tecnoloxía LED en seis rúas do casco urbano.
En concreto, as obras foron nas rúas Campo de Puente e a rotonda do polígono (82 luminarias), Muras e unha parte da travesía Terra Chá (14), Foz (12), nos arredores da estación de autobuses e Campo Redondo (44), e Corvite (52).
Os traballos supuxeron a renovación de 204 puntos de luz e, grazas á tecnoloxía LED, o aforro enerxético estimado será de 80.190,26 kWh/ano, rebaixando ademais nun 70% a contaminación lumínica e as emisións de CO2 (41,8 toneladas de CO2 evitadas anualmente).
A actuación incluíu o cambio dos cadros, dos soportes e das columnas deterioradas. Realizáronse canalizacións nos tramos nos que foi necesario e tarefas de limpeza das arquetas existentes.
Para este proxecto de eficiencia enerxética, o concello recibiu unha subvención do Instituto para la Diversificación y el Ahorro de la Energía (IDAE), dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica (o orzamento total dos traballos foi de 121.668 euros). Coa tecnoloxía instalada, o aforro económico anual rondará os 11.000 euros.
“Un paso máis na renovación do alumeado municipal, tanto no centro como nas parroquias, apostando pola tecnoloxía LED para cumprir todas as recomendacións da UE e dar un mellor servizo aos veciños”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.