Marta Rouco pasará a ser a voceira do Grupo de Goberno e a primeira tenente de alcaldesa, asumindo a delegación de Economía e Facenda. Eduardo Vidal incorporarase ao Goberno como responsable de Réxime interno, Seguridade cidadá e Servizos
A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, anunciou esta mañá a remodelación de goberno para facer fronte á segunda metade do seu mandato. Unha nova distribución de responsabilidades para dar continuidade ao proxecto iniciado no 2019 tras o cambio histórico no municipio.
O Grupo de Goberno do Partido Socialista anuncia os cambios co principal obxectivo de ofrecer aos vilalbeses e vilalbesas o servizo público para o que foron elixidos como partido máis votado nas derradeiras eleccións.
A edil Marta Rouco asumirá a portavocía do Grupo de Goberno e ocupará a primeira tenencia de alcaldía. Ás súas áreas de Políticas Sociais e Comercio, suma as delegacións de Economía e Facenda. No tocante á xestión do persoal, porase ao frente a nova incorporación do executivo, Eduardo Vidal, deputado provincial e concelleiro na anterior lexislatura. Coa súa chegada ao equipo de goberno, que se fará efectiva en sesión plenaria logo dos trámites pertinentes, comezará a dirixir as delegacións de Réxime interno, Seguridade cidadá e Servizos.
A rexedora, Elba Veleiro, responsabilizarase da xestión directa no relativo á Promoción do territorio e Turismo, garantindo que “o equipo e a remodelación que hoxe presentamos está pensada para dar continuidade a un proxecto ilusionante, nun contexto co que ninguén contaba no ano 2019, despois dunha profunda crise sanitaria, económica e social que precisa de decisións que contribúan a superar os grandes retos que temos por diante con convicción e responsabilidade”.
Nesta liña, a alcaldesa puxo de manifesto que “traballaremos con firmeza e constancia para avanzar nas liñas trazadas e cumprir co compromiso que adquirimos cos vilalbeses e vilalbesas hai dous anos, tendo en conta os tempos que nos impuxo a pandemia da Covid-19, pero coa plena convicción de que agora é o momento de amosar altura de miras e dar resposta ás necesidades dos nosos veciños”. Nese senso, “temos a man tendida ao acordo político e á negociación para acometer os cambios e melloras que Vilalba precisa, e que a maioría da xente demanda”.
No ecuador da lexislatura, desde o goberno aseguran que “son moitos os avances feitos, aínda que non todos se poidan visibilizar nun espazo tan curto de tempo; o máis complexo é sentar as bases para que Vilalba progrese e o concello responda aos principais problemas da poboación”.
Coa remodelación anunciada, a distribución das áreas delegadas quedaría da seguinte forma:
Elba Veleiro, alcaldesa, Promoción do territorio e Turismo
Marta Rouco, concelleira de Políticas Sociais, Economía e Facenda, e Comercio
Eduardo Vidal, concelleiro de Réxime interno, Seguridade cidadá e Servizos
Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas e Urbanismo
Vanesa Siso, concelleira de Cultura, Comunicación e Igualdade
Ignacio Criado, concelleiro de Medio ambiente e Rural
Antía Rama, concelleira de Educación, Infancia e Mocidade, Feiras e Mercados
Xosé Teixeiro, concelleiro de Deportes