O goberno local lamenta que nunha zona onde se realizou un importante investimento para humanizala, a Xunta de Galicia non coide das súas propiedades
O Concello de Vilalba esíxelle á Xunta de Galicia que realice os traballos de mantemento en dous edificios da súa titularidade situados na praza do Auditorio Carmen Estévez.
Nesta zona do casco urbano, o Concello de Vilalba vén de rematar unha importante obra de humanización, ampliando o espazo para os peóns, instalando novas zonas de descanso, renovando o alumeado e mellorando os servizos urbanos existentes.
Para completar esta mellora do espazo, o Concello de Vilalba esperaba derribar unha destas casas, propiedade da Xunta de Galicia e sen apenas valor, para construír unha praza que aproveitase a cidadanía.
Porén, malia que o Concello xa autorizou o derrubamento, a Xunta de Galicia aínda non tomou ningunha decisión respecto destes edificios, pero tampouco asume o seu mantemento. Dende o goberno local denuncian a imaxe deplorable dos edificios e subliñan que nin sequera limpan as casas.
O goberno local é consciente das queixas da veciñanza polo abandono destas propiedades e recalcan que é a Xunta de Galicia a propietaria dos edificios, polo tanto é tamén a responsable do seu estado de conservación.
“Sorprende que unha institución como a Xunta teña un bosque de silvas e maleza dentro das súas propiedades, que mesmo saen á vía pública. A propia administración esixe á cidadanía limpar as súas propiedades, pero a Xunta é a primeira en incumprilo”, subliña o concelleiro de Infraestruturas de Vilalba, Luís Fernández.
O goberno local lamenta que nunha zona onde se realizou un importante investimento para humanizala, a Xunta de Galicia non coide das súas propiedades. “De non cambiar a situación, iniciaremos os trámites necesarios para que o goberno autonómico asuma a súa responsabilidade”, engade o concelleiro.