O concello vén de anunciar que haberá festas adaptadas á situación sanitaria, con dous escenarios emprazados no Campo da Feira e na Praza da Constitución, con aforos reducidos nun total de 13 concertos e música itinerante desde o 27 de agosto ata o 5 de setembro
O Concello de Vilalba vén de confirmar que este ano celebraranse as festas patronais de San Ramón e Santa María adaptadas á situación sanitaria e cumprindo co establecido nos protocolos publicados pola Xunta de Galicia en materia de eventos culturais ao aire libre. Serán unhas festas seguras e con propostas para todos os públicos, mais atenderase en todo momento ao que indiquen as autoridades sanitarias para Vilalba e aplicarase de forma estrita o recollido na normativa ao respecto.
Despois de semanas analizando a situación na localidade e estudando a proposta de San Ramón que mellor se poda adaptar a Vilalba coa mirada posta na última semana de agosto e a primeira de setembro, o Concello afirma que serán “unhas festas atípicas onde a principal prioridade consistirá en garantir a seguridade do público e apostar polo San Ramón como un revulsivo económico e cultural, posto que non é incompatible se todos acatamos con rigor as medidas indicadas”.
As festas darán comezo o venres 27 de agosto e finalizarán o domingo 5 de setembro. Dez días nos que se sucederán concertos de todos os estilos musicais: blues, pop, tradicional, rock, ritmos urbanos, clásicos ou mesmo música cubana. Tamén haberá dúas verbenas da man da París de Noia e do dúo local Estrellas, ambos con público sentado e obrigatoriedade de máscaras como en todos os concertos. O público infantil e familiar tamén terá o seu espazo, con Uxía Lambona e a Banda Molona e Gramola Gominola, así como un día de actividades infantís e xogos populares adaptados á situación sanitaria.
Manteranse os tradicionais pasarrúas cos grupos locais, e substituiranse as sesións vermú por propostas musicais e escénicas itinerantes que circularán por distintas rúas para evitar aglomeracións.
Pregoeira
A pregoeira das festas de San Ramón e Santa María 2021 será a escritora, tradutora e activista María Reimóndez, unha das referentes máis destacadas do panorama da literatura galega actual que garda unha vinculación especial coa vila na que residiu hai anos. Gañadora tamén do I Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade convocado polo IESCHA, Concello de Vilalba e a Editorial Xerais, ten sido premiada en multitude de convocatorias literarias, como o Premio Johán Carballeira de Poesía, o Premio Xerais, o XVI Premio de Novela por Entregas de La Voz, ou o I Premio Xohana Torres de Investigación, entre outros.
Desde o concello de Vilalba queren recoñecer a unha muller destacada que compartiu unha parte do seu periplo vital en Vilalba, amosando a súa satisfacción “por ter a unha escritora desde nivel como pregoeira das nosas festas”. O pregón realizarase desde o balcón do edificio do concello o día 30 de agosto ás 19 horas.
Certame literario
O Certame Literario voltará ao seu día orixinal despois dun ano no que a pandemia da covid obrigou a adiar esta data tan especial para toda a veciñanza. O 30 de agosto ás 19:30 horas farase entrega do XLVII Premio de Poesía á persoa galardoada nesta nova edición nun acto que se realizará no Auditorio Municipal co aforo reducido e previa retirada de convite; será o único evento que non se desenvolva no exterior. O fallo do xurado darase a coñecer a semana anterior, que terá que deliberar entre as 71 obras que aspiran ao galardón (das 90 presentadas, 19 non cumprían as bases).
Aforos e ubicacións
Os concertos realizaranse na Praza da Constitución, agás o espectáculo da orquestra París de Noia, que terá lugar no Campo da Feira. Todos os eventos serán co público sentado, coa distancia de seguridade e o uso obrigatorio de máscara para entrar e permanecer nos recintos.
Ambos espazos estarán delimitados e se fará un control estrito tanto dos accesos, como durante o desenvolvemento dos concertos, nos que non estará permitido erguerse das cadeiras sen un motivo xustificado, beber, comer, quitar a máscara, ou desobedecer as normas mencionadas. Calquera incumprimento será motivo de expulsión inmediata.
O aforo máximo da Praza da Constitución son 298 persoas, e no Campo da Feira, o límite é de 1.000, sectorizadas en catro bloques de 250 persoas.
Entradas
As entradas serán de balde e sairán o xoves 12 de agosto ás 12 horas. Cada persoa poderá adquirir un máximo de 3 entradas, sendo estas nominais para facilitar posibles rastrexos por parte das autoridades sanitarias. Por este motivo, desde o Concello insisten en retirar só as entradas que se vaian empregar, posto que non se farán devolucións.
Haberá un cupo de entradas que só se podan retirar de xeito presencial na Casa da Cultura, para dar prioridade ao público local ou, nalgún caso, a persoas maiores que non empreguen as novas tecnoloxías. As demais, estarán dispoñibles na web entradasvilalba.es.
Para o espectáculo de París de Noia, 250 entradas das 1.000 dispoñibles só se poderán retirar presencialmente, e para os demais concertos, 100 das 298 só se poderán atopar na Casa da Cultura.
Accesos
No caso dos concertos da Praza da Constitución, habilitarase un acceso secundario para as persoas que non conseguiron entrada e acoden para acceder no caso de que queden cadeiras sen ocupar. O acceso principal pechará á hora de inicio do concerto que figure na entrada; nese momento, comprobarase o aforo e permitirase entrar por orde de espera, recollendo os datos previamente.
Para o Campo da Feira non se abrirá esta posibilidade por albergar un maior número de persoas. As entradas para este día distinguiranse por cores, de forma que se entrará no recinto por catro accesos diferenciados para evitar aglomeracións. A medida que se vaia achegando a data, explicarase polo miúdo esta cuestión.
Festas organizadas polo concello
Por vez primeira na historia de Vilalba, as festas patronais estarán organizadas polo concello. Desde o goberno local quixeron agradecer o labor realizado polas distintas comisións de festas, mais consideran que “debe ser o propio concello quen asuma a xestión directa das súas patronais como ocorre na meirande parte das localidades coa entidade de Vilalba”.
Ademais, desde o consistorio avanzan que haberá outras iniciativas que ambientarán e animarán o pobo “despois de máis dun ano nunha situación tan complicada”.
Finalizan aseverando que “a cultura é segura, e traballaremos para garantir o desfrute coa máxima seguridade posible”.