Contará cun equipo interdisciplinar formado por tres profesionais en logopedia, terapia ocupacional e fisioterapia
O Concello de Vilalba informa aos seus veciños e veciñas da posta en marcha da Unidade de Atención Temperá, un servizo dirixido á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e á súa contorna.
“O obxectivo desta unidade é dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social”, explica Marta Rouco, concelleira de Servizos Sociais de Vilalba.
A unidade estará situada na planta baixa da antiga Praza de Abastos e contará cun equipo interdisciplinar formado por 3 profesionais en logopedia, terapia ocupacional e fisioterapia. Os nenos e nenas deberán ser derivados polo seu pediatra para facer uso do servizo. As persoas interesadas poderán pedir os seus servizos de luns a venres, en horario de mañá e de tarde.
Concretamente, o novo servizo ofrecerá: diagnose e valoración dos trastornos de desenvolvemento psicomotor, cognitivo, da linguaxe e comunicación, da autonomía e da área social e afectiva; así como apoio, información, habilitación e formación da familia.
“A atención ás familias e á infancia é unha das nosas prioridades de goberno, por iso faremos todos os esforzos posibles para cumprir con todos os nenos e nenas de Vilaba que o precisen”, subliña Rouco.
O servizo prestarase de maneira conxunta cos municipios de Guitiriz e Xermade. Para a posta en marcha da Unidade de Atención Temperá, o Concello de Vilalba solicitou, xunto cos dous concellos citados, unha subvención á consellería de Política Social, no marco da Rede Galega de Atención Temperá, cofinanciada parcialmente polo programa da Unión Europea FSE Galicia 2014-2020.