CRIBADO PARA O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

O PERSOAL DA EMPRESA QUE XESTIONA O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR (SAF) DO CONCELLO DE VILALBA SOMETERASE ESTE FIN DE SEMANA A UN CRIBADO CON PCR

Vilalba, 29 de xaneiro de 2021. O persoal da empresa que xestiona o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no Concello de Vilalba someterase a un cribado con probas PCR durante este fin de semana.
 
Polo tipo de tarefas que realizan e o contacto que teñen a diario con persoas maiores e dependentes, o concello consideraba moi necesario que os traballadores e traballadoras do servizo realizáranse as probas, polo que demandou o cribado co obxectivo de detectar posibles casos asintomáticos de Covid-19.
 
Sanidade confirmou esta mañá o cribado, polo que o persoal do Servizo de Axuda no Fogar de Vilalba deberá desprazarse durante o fin de semana a Lugo para facerse as probas. É o terceiro cribado ao que se someten desde outubro.
 
Por outra parte, o Concello de Vilalba informa de que o numero de casos activos por coronavirus ascende a 170 a día de hoxe, segundo os datos da xerencia sanitaria, polo que demanda responsabilidade e o cumprimento de todas as normas e restricións.
 
Esta tarde, 500 traballadores e traballadoras do sector servizos de Vilalba participán noutro cribado masivo para detectar posibles casos en persoas asintomáticas e, deste xeito, frear a cadea de transmisión do virus.
 
O cribado diríxese a traballadores e traballadoras do sector servizos (comercio, supermercados, hostalaría, farmacias, gasolineiras, perruquerías…), entendendo que se trata dos colectivos máis expostos. As probas realizaranse no pavillón municipal.