O cribado terá lugar este xoves no pavillón municipal, e as persoas deste sector poderán inscribirse a través do correo electrónico ou por teléfono
Vilalba, 25 de xaneiro de 2021. O Concello de Vilalba informa que o SERGAS decidiu realizar un cribado masivo e voluntario no municipio para detectar posibles casos en persoas asintomáticas e, deste xeito, frear a cadea de transmisión do virus.
O cribado diríxese a traballadores e traballadoras do sector servizos (comercio, supermercados, hostalaría, farmacias, gasolineiras, perruquerías…), entendendo que se trata dos colectivos máis expostos.
As probas realizaranse este xoves, 28 de xaneiro, no pavillón municipal. Todas aquelas persoas interesadas en realizar a proba deben anotarse mañá ou pasado en horario de 09 a 14 horas, chamando aos teléfono 982510305 ou 982523032, ou escribindo ao correo electrónico prevencion@vilalba.es
No momento de anotarse debe facilitarse nome e apelidos, DNI, número de teléfono e actividade que realiza.
O concello recomenda a todas aquelas persoas que traballen nos colectivos mencionados que colaboren na realización deste cribado. O goberno local recorda que a súa participación axudará a frear, á maior brevidade, o aumento de contaxios en Vilalba.