II CONCURSO DE ESCAPARATES DE NADAL

O CONCELLO DE VILALBA PON EN MARCHA A SEGUNDA EDICIÓN DO CONCURSO DE ESCAPARATES DE NADAL

Vilalba, 30 de novembro de 2020. O Concello de Vilalba pon en marcha a segunda edición do concurso de escaparates de Nadal, no que poden participar todos aqueles establecementos comerciais situados no municipio, independentemente do produto que oferten ao consumidor.
 
O tema para desenvolver será alegórico ás Festas de Nadal e sempre combinándoo cos produtos propios do establecemento, valorándose ademais aspectos como o deseño e calidade; a combinación de cores; a orde e distribución dos productos; a orixinalidade e complexidade, e o atractivo comercial.
 
Os escaparates deberán permanecer decorados entre o 8 de decembro e o 6 de xaneiro de 2021. Os comerciantes interesados en participar deben inscribirse enviando un correo electrónico a comercio@vilalba.es solicitando formar parte do concurso, cos datos do comercio e adxuntando unha foto do escaparate para subilo ás redes sociais antes das 14:00 horas do día 8 de decembro.
 
É obrigatorio que os comercios participantes teñan o seu establecemento iluminado ata as 22 horas e nunhas condicións que permitan ao xurado visualizar claramente o escaparate no seu conxunto, co distintivo visible que os identifica como participantes do mesmo.
 
O concello estableceu un primeiro premio de 600 euros, un segundo premio de 400 euros, un terceiro de 200 euros e un premio especial por ser o máis votado en redes sociais: 100 euros, compatible con calquera dos outros tres premios. O fallo do xurado darase a coñecer o día 7 de xaneiro.
 
O xurado estará composto por un máximo de cinco persoas designadas polo concello para este fin, de distintos ámbitos e presidido pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro.